Se o ano 1962
foi o apoxeo da Guerra Fría, 1963 comezou a rebaixar a tensión instalando o famoso
"teléfono vermello" (en realidade era negro como a maioría naquela
época) de comunicación directa entre os presidentes da URSS e dos USA e
asinando un tratado para prohibir os ensaios nucleares. Seguía a carreira
espacial e a URSS logrou o fito de levar ao espazo á primeira muller, Valentina Tereshkova. En Europa Josip
Broz Tito
foi declarado presidente vitalicio de Iugoslavia, seguindo unha liña
independente da URSS. No RU estalou o escándalo Profumo, ministro de defensa
cuxa amante de 19 anos, Christine Keeler, tiña relacións cun espía soviético.
En África creouse a OUA e continuou a descolonización coa independencia de
Kenya, sendo Jomo Kenyatta o seu primeiro presidente. En Asia, Arabia Saudita
aboliu a escravitude (o último país en facelo) e en América do Sur chegou ao
poder en Perú o moderado Fernando Belaúnde Terry.
Nos Estados Unidos en agosto Martin Luther
King fronte a 250.000 persoas pronunciou o seu famoso discurso "Teño
un soño", pero tres meses despois, o 22 de novembro, chegaría a nova
máis impactante: o presindente John F. Kennedy foi asasinado, aparentemente por Lee Harvey Oswald
(á súa vez asasinado tamén por Jack Ruby).
A peor catástrofe do ano foi unha erupción do
volcán Agung en Bali que causou a morte a 11.000 persoas, aínda que o furacan
Flora no Caribe andoulle preto. Como anécdota foi o ano do famoso roubo ao tren
correo Glasgow-Londres e cando se inaugurou o telescopio de Arecibo, o maior do
mundo.
En 1963 na BBC debutou unha serie mítica,
"Doctor Who". Foi un ano
de notables películas como "The Birds". Asomaba
a Beatlemanía cando o grupo lanzou o 2º disco, que incluía "Please Please Me" e "I Want To Hold Your Hand". En
América eran os tempos da música surf cos Beach Boys sacando "Surfin' USA", do soul
da Motown con temas como "Heat Wave", da
máxica "Be my Baby" co seu muro de son e da poética
"Blowin' in the Wind" de Dylan. Na literatura
apareceu a 3ª novela de John Le Carre The Spy Who Came in from the Cold e comezou o bum
iberoamericano con La ciudad y
los perros e Rayuela.
|
España melloraba a súa economía e comezou o ano
coa boa noticia da desaparición dos fielatos e a imposición dun
salario mínimo de 60 pesetas. Os Tecnócratas lograron que se aprobase en
decembro a Ley de Bases de la Seguridad Social que unificou os
diversos sistemas de previsión e protección pública e ampliou os mecanismos de
cobertura social con cargo ao Estado. Pero a nivel político o inmovilismo era a
regra: executouse ao comunista Julián
Grimau en abril sen facer caso ás protestas internacionais e creáronse en
decembro os Tribunais de Orden Público (TOP) para xulgar actos de terrorismo e delitos políticos. Tamén se lle concedeu a autonomía a Guinea Ecuatorial
e prorrogáronse os tratados militares con Estados Unidos.
Ese ano Luis Aguilé cantaba "Dile"
e Gelu "El partido de fútbol", e nas antípodas destas estaba "Al vent" de Raimon, hoxe descoñecida pero entón
símbolo de oposición ao franquismo. Houbo un par de grandes películas como "El verdugo"
e "Los Tarantos",
algunha boa como "Del
rosa al amarillo" e éxitos taquilleiros como "La verbena de la Paloma" e o debut de Manolo Escobar en "Los guerrilleros".
Galicia, aínda que seguía sufrindo unha gran emigración,
continuaba mellorando como proba o feito de que ese ano se inaugurase o enorme Encoro
de Belesar. O campo vivía entre as tensións da concentración parcelaria e a
reforestación. As protestas foron reprimidas con dureza provocando a morte de José Esperante en Mazaricos. A oposición ía gañando pequenas
batallas, entrando membros do PCE como enlaces en Bazán e Barreras. O grupo
Brais Pinto fundou a UPG en novembro, pero volvería a ser refundada en 1964. No ámbito da
cultura foi o ano no que se celebrou por 1ª vez o Día
das Letras Galegas. Tamén se editou a revista Grial e morreu Vicente Risco.
Ordes non viviu grandes
acontecementos. Ese ano saíu do cárcere o ex-guerrilleiro Juan Couto.
XANEIRO: Partido de
fútbol contra o Calvo Sotelo. Morreron Felipe Jarazo Blanco aos 76 anos e José
Moure Noya en Parada. Ramón Rodríguez Docampo, veciño de Montaos de 38 anos,
morreu aplastado pola parede dun alpendre.
FEBREIRO: Gran nevada
en case toda Galicia. Morte de Santiago Beltrán del Río o día 18 aos 18 anos.
Era fillo do subtenente da Garda Civil Valentín Beltrán Gudiel e de Mª Luisa da
farmacia. Faleceron tamén Antonio Méndez Regos aos 57 anos en Beán, José Veiras
Veiras aos 79 anos en Poulo e o alcalde de Cerceda, Eduardo Pedreira Ríos, aos 39
anos de idade.
MARZO: O día 11 morreu
Antonio Remuiñán Pulleiro aos 67 anos e o 21 Julia Pol Crespo, muller do mestre Lisardo Castro e nai do avogado Julio
Castro Pol.
ABRIL: O día 8 morreu
Manuel Blanco Remuiñán aos 71 anos en Leira.
MAIO: Morreu Antonio Álvarez Mosquera o Cotovío aos 75 anos e Manuel Candal Veiras o Gaiteiro en Vilaverde. Traspasábase un bar preto
do cruce.
XUÑO: Pedida da man de
Mariola Pol Louro para o avogado compostelán Evaristo Nogueira.
XULLO: Morreron María López
Graña (mestra nacional de Leira), José Becerra Darriba (viúvo de
Antonia Golán) aos 63 anos, Manuel Bestilleiro Villasenín aos 35 anos e José
Casas Grela aos 59 anos, os dous últimos en Parada. Atropelada por unha moto en
Ordes morreu a nena María Morandeira Prieto de 3 anos e quedou ferida grave no
mesmo accidente a nena María Fuentes Suárez de 4 anos. Concurso de tractoristas
organizado por Auto-Avión.
AGOSTO: Nas festas
patronais partido de fútbol no que o RC Deportivo da Coruña venceu facilmente á
SD Compostela 4-0. O día 26 morreu Eduardo Martínez Santiso, encargado do
serradoiro Weiss, marido de Amparo Seijas Becerra e pai de Amparito.
Veu destinado á unitaria de Montaos o mestre Manuel Gamallo.
SETEMBRO: Descontento entre os labradores de
Ordes por mor dos altos impostos municipais aos carros (entre 100 e 200
pesetas). Inaugurada polo ministro de Información e Turismo Manuel Fraga
Iribarne a emisora de RNE no Mesón
do Vento. Voda de Amelia Garza con Pedro Raña Dafonte. O día 10 morreu Josefa
Figueira Presedo aos 63 anos, o 12 morreron Domingo Vieites Álvarez, marido de Ramona
Faya Vilariño, e Manuel Pampín Boquete aos 57 anos en Parada. O 27 Tamén en
Parada morreu o contratista de obras Pedro Noya Rodríguez e, o mesmo día, faleceu
Concepción Candal Mosquera aos 87 anos en Montaos. Finalmente o día 30 Andrés
García Varela de 58 anos, natural de Pereira pero que vivira 40 anos en México,
foi atopado morto aboiando no mar en Riazor.
OUTUBRO: O porteiro Liste
e o xogador Faya do Rayo FC foron fichados polo Atlético dos Castros da Coruña.
NOVEMBRO: O doutor
gaditano Ángel Facio de Lasquetty, director do dispensario antiturbeculoso de
Ordes logrou a cátedra de Hixiene Naval da Escola Náutica. Cortes de electricidad
nos transformadores de Mesía, Visantoña, Leira, Merelle e Ordes por obras.
DECEMBRO: Seguiron os
cortes de electricidade en Merelle e Ordes durante varios días.
No hay comentarios:
Publicar un comentario