sábado, 15 de noviembre de 2025

Parroquia de Galegos (Frades)


   A parroquia de Galegos está situada ao oeste do concello de Frades, lindando con Barbeiros (Ordes) e Marzoa (Oroso). Ao norte, leste e sur linda con Mesos, Frades e Moar respectivamente.
  Ocupa 7,68 Km² que supoñen o 9,4% do total municipal e ten unha forma irregular, vagamente rectangular e apaisada. O terreo vai descendendo desde case os 385 metros de altura no sur e leste ata os pouco máis de 250 no noroeste e oeste por onde discorre o río Samo que serve brevemente de fronteira con Barbeiros. As cotas máis altas están ao sur (Couto de Vilarello con 384 m) e nunha pequena elevación que vai de norte a sur desde o Carqueixal ata os Montes de Portamión.
  O principal curso fluvial é o Samo, que ten como afluentes o rego Vermello (fronteira con Mesos ao nordés) e o rego do Mouriño máis no centro.
  A principal vía de comunicación é a DP-3802 (a estrada de Ordes a Ponte Carreira), que se localiza ao sur da parroquia facendo fronteira con Moar. Dela saen cara ao norte varias pistas. As tres máis occidentais unen os principais nucleos de poboación. O resto son pistas con orixe na concentración parcelaria coa súa típica trama en cruz.
  Esta estructura viaria  e poboacional determina os usos do solo. En torno aos núcleos hai amplas áreas de pasteiros e leiras de millo, mentres no oeste (a carón do Samo) e sobre todo no sur e leste hai grandes extensións de arboredo, polo que mais da metade do terreo está destinado a uso forestal.
 

  Apenas ten 8 núcleos de poboación (a 2ª parroquia de Frades con menor número) e moi desigualmente repartidos. Case todos están ao oeste, nunha imaxinaria franxa diagonal paralela ao Samo e entre 300 e 800 metros distante del. Só o núcleo de Vista Alegre que se dispersa a carón da estrada principal supón unha excepción. A zona máis cercana ao Samo, o sur, centro e leste están totalmente despoboadas.
  A capitalidade está no núcleo do Pazo, onde podemos atopar a igrexa parroquial (un pouco apartada, iso si) co seu cruceiro, o campo da festa, o pazo e os lugares de recreo.
  A poboación é moi escasa e decrecente. No ano 2001 había 289 habitantes e no ano 2024 só eran 209, ou sexa uns 27 habitantes/Km². O Pazo con 67 moradores e Reboredo con 66 supoñían o 63% do total parroquial. A Ponte e O Outeiro pola contra eran os núcleos con menos xente.
 
Núcleos: O Barreiro, O Castro, O Outeiro, O Paraxón, Pazo, A Ponte, Reboredo e Vista Alegre.
 

  A parroquia estivo habitada desde a prehistoria como testemuña o castro de Galegos que está uns 500 metros ao sur do Pazo.
  Na Idade Media debeu recibir o seu nome "Galegos" probablemente por contraposición á parroquia veciña de Barbeiros onde se asentaron forasteiros que eran coñecidos despectivamente como ‘bárbaros’.
  No Antigo Réxime Galegos pertencía á xurisdición de Folgoso. En 1607 Jerónimo del Hoyo nas "Memorias del Arzobispado de Santiago" informa que tiña 24 veciños (uns 108 habitantes), máis que Mesos pero menos que todas as demais parroquias circundantes. Nese século XVII edificouse o Pazo de Galegos.
   No Catastro del Marqués de La Ensenada do século XVIII os habitantes declararon ser de señorío do Conde de Altamira a quen lle pagaban impostos. Tamén mencionaban ao propietario do pazo, entón don José Pimentel, que vivía na cidade de Ourense. Eran uns 26 veciños (+- 100 habitantes) que cultivaban coles "gallegas", trigo, centeo, millo, millo miúdo, fabas, castañas, liño... Había unha soa taberna que traballaba un tal José Cancelada (veciño de Barbeiros) que lle regulaba cada ano 120 reais e varios artesáns como xastres, unha tecelá  e ata un zapateiro, Vicente Míguez, que tamén era gaiteiro. Un dato positivo era que non había ningún "pobre de solemnidade".
  A principios do século XIX créanse os primeiros concellos. Galegos queda incluído no de Folgoso, pertencente ao partido de Poulo. En 1835-36 tivo lugar a división municipal definitiva e a conseguinte creación do concello de Frades. En 1847 o Diccionario de Madoz infórmanos que agora os veciños eran 43 (arredor de 227 habitantes -máis que na actualidade-), que cultivaban centeo, trigo e millo ademais de gando e caza. Engade que había tres fontes de auga e dous muíños fariñeiros por toda industria e que o comercio reducíase á importación de viño e augardente.
  En 1873, época na que era párroco don Santiago González Rúa, os habitantes baixaran a 180. Tamén sabemos que en 1887 era alcalde de barrio Andrés Pazos.
  Galegos iniciou o século XX sendo parroquia filial de Marzoa. Polo Anuario Riera coñecemos que en 1911 os habitantes da parroquia aumentaran de novo, chegando outra vez aos 227 do século XIX. Había un muiñeiro, Vicente Rodríguez, e o sacerdote era o de Marzoa, desde 1903 don Juan Fontela. 1914, o ano da 1ª GM, foi moi importante para Galegos porque o dono do pazo, Emilio Folla Jean (m.1932), vendeuno en xuño a Maximiliano Linares Rivas (m.1932), alcalde do Ferrol e da Coruña. Por suposto todos os colonos eran tamén "vendidos" con el.
  En 1928 a poboación non aumentara, había 42 casas na parroquia (29 de planta baixa e só 13 cun piso) e unha escola no Outeiro que entón xunto co Pazo e Reboredo eran os tres lugares máis importantes e concentraban case o 75% da poboación.
  O Alzamento de 1936 non afectou especialmente a Galegos e non hai constancia de ningún morto na posguerra, que foi tan dura como no resto da comarca.
  A sorte cambiou en 1966 cando a propietaria do pazo, Rosario Linares-Rivas Amil-España cedeullo en xullo á congregación de monxas de Santa Dorotea. A súa presenza foi vital para o desenvolvemento da parroquia. Dirixiron unha escola para os nenos do lugar, cederon os terreos e as casas aos 19 caseiros que había e venderon a baixo prezo os terreos para que outros 29 mozos edificaran as súas casas. Tamén doaron á asociación de veciños os terreos para o campo da festa e logo a Fraga do Petón.
  En 2024, Remedios Miguélez, a última das monxas doroteas que vivía en solitario no pazo, abandonouno o día 31 de agosto. A congregación estaba perfilando a cesión do pazo ao Concello de Frades. 

No hay comentarios:

Publicar un comentario