A parroquia de Galegos está situada ao oeste
do concello de Frades, lindando con Barbeiros (Ordes) e Marzoa (Oroso). Ao
norte, leste e sur linda con Mesos, Frades e Moar respectivamente.
Ocupa 7,68 Km² que supoñen o 9,4% do total
municipal e ten unha forma irregular, vagamente rectangular e apaisada. O
terreo vai descendendo desde case os 385 metros de altura no sur e leste ata os
pouco máis de 250 no noroeste e oeste por onde discorre o río Samo que serve brevemente de fronteira con Barbeiros. As cotas
máis altas están ao sur (Couto de Vilarello con 384 m) e nunha pequena
elevación que vai de norte a sur desde o Carqueixal ata os Montes de Portamión.
O principal curso fluvial é o Samo, que ten como
afluentes o rego Vermello (fronteira con Mesos ao nordés) e o rego do Mouriño máis
no centro.
A principal vía de comunicación é a DP-3802 (a
estrada de Ordes a Ponte Carreira), que se localiza ao sur da parroquia facendo
fronteira con Moar. Dela saen cara ao norte varias pistas. As tres máis
occidentais unen os principais nucleos de poboación. O resto son pistas con orixe na concentración
parcelaria coa súa típica trama en cruz.
Esta estructura
viaria e poboacional determina os usos
do solo. En torno aos núcleos hai amplas áreas de pasteiros e leiras de millo, mentres
no oeste (a carón do Samo) e sobre todo no sur e leste hai grandes extensións
de arboredo, polo que mais da metade do terreo está destinado a uso forestal.
Apenas ten 8 núcleos de poboación (a 2ª
parroquia de Frades con menor número) e moi desigualmente repartidos. Case
todos están ao oeste, nunha imaxinaria franxa diagonal paralela ao Samo e entre
300 e 800 metros
distante del. Só o núcleo de Vista Alegre que se dispersa a carón da estrada
principal supón unha excepción. A zona máis cercana ao Samo, o sur, centro e
leste están totalmente despoboadas.
A capitalidade está no núcleo do Pazo, onde
podemos atopar a igrexa parroquial (un pouco apartada, iso si) co seu cruceiro,
o campo da festa, o pazo e os lugares de recreo.
A poboación é moi escasa e decrecente. No ano
2001 había 289 habitantes e no ano 2024 só eran 209, ou sexa uns 27
habitantes/Km². O Pazo con 67 moradores e Reboredo con 66 supoñían o 63% do
total parroquial. A Ponte e O Outeiro pola contra eran os núcleos con
menos xente.
|
Núcleos: O
Barreiro, O Castro, O Outeiro, O Paraxón, Pazo, A Ponte, Reboredo e Vista
Alegre.
|
A parroquia estivo habitada desde a
prehistoria como testemuña o castro de Galegos que está uns 500 metros ao sur do
Pazo.
Na Idade Media debeu recibir o seu nome "Galegos" probablemente por
contraposición á parroquia veciña de Barbeiros onde se asentaron forasteiros
que eran coñecidos despectivamente como ‘bárbaros’.
No Antigo Réxime Galegos pertencía á xurisdición de Folgoso. En 1607 Jerónimo
del Hoyo nas "Memorias
del Arzobispado de Santiago" informa que tiña 24 veciños (uns 108
habitantes), máis que Mesos pero menos que todas as demais parroquias
circundantes. Nese século XVII edificouse o Pazo de Galegos.
No Catastro
del Marqués de La Ensenada do século XVIII os
habitantes declararon ser de señorío do Conde de Altamira a quen lle pagaban
impostos. Tamén mencionaban ao propietario do pazo, entón don José Pimentel, que
vivía na cidade de Ourense. Eran uns 26
veciños (+- 100 habitantes) que cultivaban coles "gallegas",
trigo, centeo, millo, millo miúdo, fabas, castañas, liño... Había unha soa
taberna que traballaba un tal José Cancelada (veciño de Barbeiros) que lle
regulaba cada ano 120 reais e varios artesáns como xastres, unha tecelá e ata un zapateiro, Vicente Míguez, que tamén
era gaiteiro. Un dato positivo era que non había ningún "pobre de
solemnidade".
A principios do século XIX créanse
os primeiros concellos. Galegos queda incluído no de Folgoso, pertencente ao partido
de Poulo. En 1835-36 tivo lugar a
división municipal definitiva e a conseguinte creación do concello de Frades.
En 1847 o Diccionario de Madoz infórmanos que agora os veciños eran 43 (arredor de 227
habitantes -máis que na actualidade-), que cultivaban centeo, trigo e millo
ademais de gando e caza. Engade que había tres fontes de auga e dous muíños
fariñeiros por toda industria e que o comercio reducíase á importación de viño
e augardente.
En 1873, época na que
era párroco don Santiago González Rúa, os habitantes baixaran a 180. Tamén
sabemos que en 1887 era alcalde de barrio Andrés Pazos.
Galegos iniciou o século XX sendo parroquia filial de Marzoa. Polo Anuario Riera
coñecemos que en 1911 os habitantes
da parroquia aumentaran de novo, chegando outra vez aos 227 do século XIX. Había un muiñeiro, Vicente Rodríguez, e o sacerdote
era o de Marzoa, desde 1903 don Juan Fontela. 1914, o ano da 1ª GM,
foi moi importante para Galegos porque o dono do pazo, Emilio Folla Jean (m.1932),
vendeuno en xuño a Maximiliano Linares Rivas (m.1932), alcalde do
Ferrol e da Coruña. Por suposto todos os
colonos eran tamén "vendidos" con el.
En 1928 a poboación
non aumentara, había 42 casas na parroquia (29 de planta baixa e só 13 cun
piso) e unha escola no Outeiro que entón xunto co Pazo e Reboredo eran os tres
lugares máis importantes e concentraban case o 75% da poboación.
O Alzamento de 1936 non
afectou especialmente a Galegos e non hai constancia de ningún morto na
posguerra, que foi tan dura como no resto da comarca.
A
sorte cambiou en 1966 cando a
propietaria do pazo, Rosario Linares-Rivas Amil-España cedeullo en
xullo á congregación de monxas de Santa
Dorotea. A súa presenza foi vital para o desenvolvemento da parroquia.
Dirixiron unha escola para os nenos do lugar, cederon os terreos e as casas aos
19 caseiros que había e venderon a baixo prezo os terreos para que outros 29
mozos edificaran as súas casas. Tamén doaron á asociación de veciños os terreos
para o campo da festa e logo a Fraga do Petón.
En
2024, Remedios
Miguélez, a última das monxas doroteas que vivía en solitario no
pazo, abandonouno o día 31 de agosto. A congregación estaba perfilando a cesión
do pazo ao Concello de Frades.



No hay comentarios:
Publicar un comentario