Algúns dos alcumes teñen tanta ANTIGÜIDADE que xa é difícil na actualidade
coñecer cal é a súa razón de ser.
É o caso da familia Carril (de apelido Rodríguez),
alcume que xa levaba no século XIX o patriarca da familia Eduardo Rodríguez González e que
herdaron todos os descendentes, aínda que neste caso non é realmente un alcume
senón o 2º apelido da nai do patriarca.
Igualmente é antigo o da Portuxola, unha señora de
Reboredo que tivo un fillo, Jesús, deficiente mental, a quen tamén loxicamente
alcumaban o
Portuxolo. Naqueles tempos de pouca corrección política os rapaces
metíanse a miúdo con el e escapaban despois de enfadalo. Era bastante tranquilo
pero por culpa dalgúns mozotes, expertos en bromas de dubidoso gusto, era
ademais o terror das mozas. Coñecendo a
súa paixón polo tabaco ofrecíanlle: "Dámosche un pitillo se lle das un
bico a aquela moza". Inmediatamente saía correndo cara a ela co conseguinte
susto da rapaza e a algarabía dos tunantes. Tamén estaba moi fascinado con Blanca del Río da farmacia de arriba, que
era moi fermosa, e algún pillabán aproveitou para ensinarlle unha canción:
"Blanquita de la botica / si te pregunta tu madre / quien te rompió la
camisa / dile que fue el hijo de la Portujola / con la punta de la ...".
Non
foi o único caso na vila. No Balado viviron outros personaxes como Cañotas e Manuel da Burra que
tamén producían temor nos nenos dos anos 70.
A
carón da tenda de Fernanducho tiña un comercio de zapatos Antonio Veiga Valiño (m.1985) Cascarilla.
Na
posguerra o café escaseaba e tomábase "cascarilla" no seu lugar. Quizais
lle viñera o alcume do seu gusto por aquel "café". Tamén lle gustaba
moito pescar e acompañaba a José Mª Méndez-Gil
ao río cando este viña á vila. Cascarilla casou con dúas irmás, Carmen (m.1936) e
logo con Dolores Caramelo (m.1980). Por certo
que o seu cuñado Juan Caramelo Varela
(1905-1979) por traballar na Casa do Concello como porteiro tamen era coñecido
como Juanito o Porteiro.
Outro alcume
do que non sabemos a razón é o Ghaletas,
un xastre que vivía no Recreo a carón da de Manuel de Ponte, pero que logo se
instalou ao lado da panadería de Fleira.
Manuel Martínez del Río foi coñecido
como o Corveiro pero este alcume xa
o herdou do seu avó, polo que tamén descoñecemos a súa orixe.
Ás veces os alcumes transmitíanse por vía
feminina. É o caso das irmás Bello Blanco as Monteiras que casaron, unha con Francisco Villaverde Mosquera
co que tivo un único fillo alcumado Angelito de Monteiro, e outra co tratante de
gando da rúa dos Lagartos Pedro Fraga Rodríguez. O fillo deste, Pedro Fraga
Bello (1925-2000) era Pedro de Monteiro e os netos, Pedro e Ángel
Manuel (ambos os dous moi coñecidos -o segundo porque ten a panadería que foi dos Ramechos-) tamén herdaron o alcume.
E rematamos falando de COMERCIANTES. Se
hai algún establecemento no que entraron algunha vez na súa vida todos os
ordenses, ese é a tenda de Francisco Vilar Nouche (1898-1994), a
"Fábrica de Chocolates" -rótulo que se pintou e repintou
orgullosamente na fachada-, así que el era o
Chocolateiro. Tamén a tenda é coñecida popularmente como "o
Chocolateiro" que, antes da aparición dos bazares chinos, era o único
lugar onde se podían atopar as cousas máis extrañas ás horas onde todas as
demais tendas estaban pechadas.
Rafael Moar Lata (1905-1979) era un mozo procedente da Margarida
(Buscás) cando lle comprou a casa a Rita Castro Bao, a tía avoa de Juanjo
Liñares, e alí puxo unha taberna. Casou con María Viqueira
Veiras (1910-1984), unha irmá de Juanito e
da matriarca do "Bar Nogallás". Foron pais do moi coñecido empresario
hostaleiro Antonio Moar Viqueira, quen en 1974 montou a famosa sala de
festas "Órdenes 2000". Ricardo,
na vellez sufriu unha enfermidade pola que o empezaron a chamar Tierra Tiembla.
José Mª Méndez Ródríguez (1948-2017)
era camareiro nunha parrillada na casa de Moar, motivo do seu alcume, o Parrillas ou Pepe
de Parrillas.
O matrimonio formado por Vicente Corral Rey
e Ramona Pérez Expósito tiñan un bar no Recreo preto da farmacia. A el
chamábano Vicente da Ponte o Culero,
alcume que traspasou ao seu fillo Celestino (funcionario de correos), casado
con Carmen Boquete Vilariño, filla de Boquete de Merelle.
Carlos Regos Faya (1931-1993), fillo
do gran carpinteiro Manuel Regos Caramelo e curmán de Ramón o Practicante, tiña o "Bar Avenida"
en Alfonso Senra 89 (no que agora é o Banco Pastor) que contaba cunhas
preciosas portas de madeira feitas polo seu pai. A pesar de ser un hostaleiro o
seu carácter era bastante seco e pouco amigo de bromas, cousa que lle valeu
para ser coñecido como o Búfalo.
A José González Pardo (1941-1994), que viviu en
Campeiras, comezaron a chamalo Pariente no Bar Xesteda porque efectivamente era familiar do propietario do bar
(e da empresa de recreativos EGASA) José González Fuentes.
Ramón Ferreiro
López (1892-1974) que tiña unha reloxería a carón do que hoxe é o
Banco de Santander era coñecido como Ramón o
Relojero, mentres que ao seu fillo Ramón
Ferreiro Sánchez (1928-1978), tamén reloxeiro, chamábanlle Mitito. Por certo que este último era un
personaxe peculiar que quería facer un avión con pezas de reloxos, proxecto no
que o acompañaba o tamén peculiar Pedro do Serrador
(1916-1977), ex-guerrilleiro que subía ao
tellado da súa casa a tocar o saxofón.
Antonio Remuiñán Couto, dos Remuiñán
de Merelle e dos Couto de Reboredo, tivo unha tenda de motos ao lado do
ultramarinos de Higinio que se chamou como o seu alcume, Cachito.
Fonte: Xorxe de Xan Ferreiro.
Continúa en Vellos
alcumes (6).

No hay comentarios:
Publicar un comentario