Entre os topónimos que podemos atopar na parroquia de Poulo hai un pouco de todo. Algúns teñen un significado moi claro,
outros son falsamente claros e finalmente outros, como o nome da propia parroquia, presentan máis dificultades.
POULO: A idea de
comparar terras pobres, incultas ou estériles con animais ou mulleres
infecundas que non poden ter fillos está detrás dos vocábulos poula e poulo. O dicionario de
Franco Grande de 1972 documenta a voz poula co significado de "retama, tojo, etc., que
espontáneamente crece en la parte más inculta de un terreno. Dícese de la
tierra que se deja en descanso, sin cultivar. Mujer solterona (sic). Tierra
inculta". No mesmo dicionario poulo é unha "parcela de tierra. Tierra inculta, etc.".
Por
tanto, Poulo, segundo Cabeza Quiles
procedente do latín pabulu, tería
este significado de lugar pouco produtivo, como un prado que seca pola calor e
dá pouco pasto ou leiras que se deixan descansar ou quedan abandonadas, tal
como reflicten as expresións galegas "campo á poula" ou "casa á
poula".
Segundo
Dolores González de la Peña, en cambio, no Alto Minho
portugués Poulo significa "terra húmida, em geral mais baixa que
a circundante e que dá pasto o gado", así que alí o topónimo parece
provir do latín paludem (de palus-udis) con significado de lugar
pantanoso.
Dado
que a parroquia tanto ten lugares altos como o Outeiro e zonas baixas de brañas
a carón do Cabrón, creo que non se pode descartar ningunha das dúas opcións.
Blanca: sábese
perfectamente que o adxectivo branco/a procede da palabra xermánica blank ‘branca -e tamén limpa e nobre-’ O que non sabemos é a que se refire.
Será
unha rocha, unha casa ou quizais unha antiga propietaria do lugar?
Calle: nome do maior
núcleo habitado de Poulo, é unha palabra que procede do latín callis. Hoxe en castelán equivale á palabra galega "rúa", pero en
latín significaba máis ben ‘verea, sendeiro’. Ten clara relación co Camiño Inglés que pasa polo lugar.
Costa: do latín costa, por suposto significa ‘terreo en
pendente’.
Lavandeira: é un topónimo
enganoso. Podería pensarse, dado que o río Cabrón
pasa preto deste lugar, que o seu nome deriva dun lavadoiro que houbese na
antigüidade. De feito hai un lavadoiro no fondal que hai entre as dúas
Lavandeiras... Pero non.
Segundo
Elixio Rivas, tanto Lavandeira como Lavadores, Lavancos ou Lavacolla, proceden
dunha raíz preindoeuropea nava que
significa ‘chaira entre montes, valgada’. Logo, por similitude co
verbo lavar daría a palabra *navandeira que remataría por transformarse
en Lavandeira. Cabeza Quiles apoia esta teoría que relaciona o topónimo
coa auga ou cunha valgada. Efectivamente Lavandeira de Abaixo está nun tramo
bastante chan preto do río separada por unha valgada de Lavandeira de Arriba
que está nunha gran pendente denominada polos nativos "Costa de
Matías". Gonzalo Navaza pola súa banda considera que é un hidrónimo
que designa lugares onde un curso de auga desborda habitualmente e anega as
inmediacións.
Outeiro: obviamente significa ‘pequena elevación do terreo, sitio alto’ e procede da
palabra latina alteriu. É o lugar
onde está a igrexa parroquial, que desde logo cumpre esta condición: é bastante
elevado e ten unha preciosa vista como podedes comprobar na foto.
.
Pardiñas: é un pequeno
lugar da parroquia de Poulo coñecido por ser orixe da Familia Veiras
e tamén doutra rama familiar, os de Andrés ou Chuzos.
Os
topónimos Pardiñeira, Pardiñeiro ou Pardiñas, moi habituales por toda Galicia
refírense a construcións que poden ser edificios en ruínas ou espazos pechados
parecidos a cortes ou cortiñas. Todos eles proceden da voz latina pariete ‘parede’. Pardiñas (antigamente As Pardiñas) sería por tanto unha pequena finca
pechada ou unha construción onde gardar o gando ou os trebellos de labranza.
Piñeiro: do latin pinu, toma o seu nome da árbore
antigamente máis abundante. Aquí ten a súa orixe a familia Ferreiro.
Romai: nome duns terreos próximos ao Rego da Ponte Ribeira. A opinión máis aceptada é que Romai procede do xenitivo Romani, do nome Romanus.
Senra: nome do lugar
onde se celebra agora a festa. Proviría de senara,
palabra quizais céltica que derivou na galega seara -e tamén en senra- co significado de ‘campo sementado de
cereais’.
Urraca: nome dun terreo ao leste do río Cabrón. Tal vez aluda a unha antiga propietaria con este nome tan popular na Idade Media que ata o levou unha raíña. Outra posibilidade, dado que urraca tamén é unha variedade de peras pequenas e saborosas, é que houbese no pasado unha plantación destas árbores.

No hay comentarios:
Publicar un comentario