O gran home levaba tempo batallando contra unha grave enfermidade. O mércores
25 de abril xa non puido asistir ao fastoso banquete na honra do deputado a
Cortes do distrito Alfonso Senra (aloxado na súa
casa), que contou con 300 comensais de toda a comarca e unha serenata da Banda
Municipal de Santiago a noite anterior. Aller aínda resistiu catro días máis
ata a tarde do domingo 29 de abril en que faleceu.
Aínda que esperada, a súa morte causou a natural conmoción nas terras de Ordes.
Fóra, os xornais conservadores mencionárona de pasada e con frialdade. Só Nicolás
del Río, mestre en Ordes e correspondente de El
Compostelano, saíu da norma e eloxiou a "nuestro
buen amigo y jefe político" dicindo que "su
muerte causará gran trastorno en esta comarca donde contaba tantas simpatías
por su carácter altamente simpático, y por los múltiples servicios que había
prestado al país".
En cambio La
Voz de Galicia, xornal liberal, deu gran importancia á noticia e
publicou un longo panexírico no que o definía como "profundamente
encariñado con su tierra [...] muy culto e inteligente aunque a primera vista
no revelase su aspecto al hombre de gustos refinados y selecto espíritu que era
[...] servicial y simpático, de afable trato, contaba con numerosos y buenos
amigos que sentirán hondamente su pérdida". Tamén destacaba como tiña "colmado
de beneficios" ás terras ordenses.
O 1
de maio, tivo lugar o enterro, perfectamente documentado por La
Voz de Galicia.
Organizouse o cortexo diante da súa casa de Ordes (actual Nogallás). Recollían
as cintas que pendían do féretro os seus excompañeiros de Deputación Rafael
Llamas Tojo, Ángel Aperribay, Antonio del Moral Sanjurjo e Alejandro Barreiro. Encabezaban
o dó o subsecretario de Fomento e deputado a Cortes Alfonso Senra que veu desde
Vigo, o fillastro de Aller, Carlos Puga Pequeño, o seu sobriño Ramón Aller
(sacerdote e ilustre matemático), o presidente da Deputación Ramón Vilas
González, o inspector provincial de Sanidade Rafael Fernández e os seus amigos
Luis Cornide e Jesús Santaló, director dos establecementos de beneficencia. Logo
un nutrido grupo de personalidades de Ordes e comarca.
Un xentío inmenso enchía a estrada. Á saída da vila foi depositado nun
automóbil o cadaleito, levado aos ombreiros dalgúns caseiros do defunto ata
alí. O coche fúnebre, seguido de varios autobuses e coches particulares,
emprendeu a marcha ata a afastada parroquia de Castro en Mesía, onde foi
soterrado. A misa foi oficiada polo párroco de Vilamaior D. Vicente Monteagudo,
aínda que a oración fúnebre estivo a cargo de D. Nemesio Morgade. Outros 15
sacerdotes estiveron presentes, entre eles o de Gorgullos, D. José Varela
Aller, sobriño seu. O seu irmán Pedro Aller, que vivía en Ponteceso, recibiu
xunto a outros parentes as condolencias dos asistentes.
Por suposto non faltou a elite de Ordes transportada para a ocasión en dous
autobuses de "El
Noroeste". Alí estaban o alcalde Manuel García Bermúdez, Antonio
Concheiro, José Carnota, José Mariño, Antonio Verea, Juan Linares, Manuel
Patiño, Ezequiel, Ramón e Manuel Astray, Antonio Viqueira, José Romero, Fernando
Liste, Manuel García Rívas, Ricardo Amor, Ignacio Castro, Manuel Concheiro,
Nicolás del Rio, Domingo Moar, Augusto Abella, José Sánchez Guisande, Elíseo e
Jacobo Amor, Julio Pol, José García e José Sánchez Somoza.
Outros asistentes foron o propietario Balbino García del Valle e o mestre Julio
Caamaño desde Parada, o alcalde Gumersindo Liñares e o secretario José Maceiras
Fernández desde Trazo, Jaime Veiga, Emilio Sánchez Álvarez e o secretario
Emilio Sánchez Somoza desde Oroso e Ángel Concheiro, Camilo Iroma, José Varela
Varela, o mestre José María Lesta, o médico Jesús Gómez Aparicio e Celestino
Mosquera, sobriño de Aller, desde Mesía.
Non esqueceu o correspondente
de La
Voz de Galicia o oco que quedaba na comarca e rematou deste xeito a súa
crónica: «Descanse
en paz tan buen amigo, y Dios quiera iluminar el “cónclave” de primates (sic) para elegir el nuevo jefe del distrito».
Por suposto ignoraba que estaba
asistindo ao fin dunha era. Apenas tres meses despois Miguel Primo de Rivera
iniciaría a súa ditadura
que poñería patas arriba toda esta clase política que medrara coa restauración.

No hay comentarios:
Publicar un comentario