sábado, 21 de junio de 2025

A voda Concheiro Coello

  A voda máis fastosa de 1961 foi a de Antonio Concheiro Carro, o fillo primoxénito de Antonio Concheiro Iglesias, médico e antigo alcalde de Ordes nos tempos da República (volvería a selo no futuro), e de Euduvigis Carro Viqueira.
  Antonio, tamén médico como o seu pai, acababa de cumprir 25 anos en agosto e comprometeuse con Pilar Coello Bufill, filla primoxénita do avogado Gonzalo Coello Cuadrado (director provincial pontevedrés do Instituto Nacional de Previsión desde 1954 e de paso concelleiro de  Vigo) e de Aurora Bufill Mollano.
 

  Deste xeito a voda non se celebrou en Ordes, senón no espectacular Mosteiro Mercedario de Poio o venres 8 de setembro.
  Os padriños eran a nai do noivo e o pai da noiva. Oficiou a cerimonia o xesuíta Padre Francisco Brandariz Caamaño, director da Residencia Universitaria San Agustín de Santiago de Compostela. Ostentou a representación xudicial Juan Liñares Castro, alcalde de Ordes e primo segundo do noivo.
  Asinaron como testemuñas o avogado e presidente da Cámara de P. Urbana da Coruña Manuel Gila Lamela, o médico da Asociación da Prensa Coruñesa Víctor Fernández Alonso, o médico decano da Beneficencia provincial Ramón Baltar Domínguez, o médico e director da clínica "La Esperanza" Luis Sánchez Harguindey, o inspector farmacéutico de Ordes Rafael Álvarez Salgueiro, o industrial coruñés (e tío do noivo) Antonio Carro Viqueira, o funcionario do Instituto Nacional de Previsión da Coruña (tamén tío) Luis Carro Viqueira, o avogado e secretario municipal de Ordes (tío) Ángel Concheiro Iglesias, o director do Banco Pastor e de Macoga Manuel Concheiro García, o avogado e deputado provincial (tío) Celestino Concheiro Iglesias, o director do Banco de España en Burgos Enrique Sánchez Martín (tío político), o alcalde de Padrón e deputado provincial Ramón Pazos Jiménez, e finalmente o comerciante ordense Fernando Liste Mosquera Fernanducho.
  Por parte da noiva asinaron o xeneral xefe da 81 División e gobernador militar da provincia de Pontevedra José Pérez y Pérez, o delegado provincial de Traballo de Pontevedra José Mª Iborra Losté, o delegado provincial de Sindicatos José Luis Galobar García, Arturo Leite Paradela, os xefes de administración do Instituto Nacional de Previsión de Vigo Eduardo Nogueira Dalmas e Eleuterio Criado del Rey, o xefe de departamento dese organismo Juan Delgado Rodríguez, o avogado e vicesecretario provincial de Ordenación Social David Pérez Puga, o industrial da Coruña Víctor Díez Martín e o vigués Santiago Ruíz Martín.
  Despois da cerimonia os invitados foron obsequiados cun lunch no propio mosteiro. O xa esposos marcharon a continuación á Toxa e logo a Palma de Mallorca onde pasaron a súa lúa de mel.
 
  O matrimonio estableceuse en Ordes en Rosalía de Castro, onde aínda reside, e tivo moitos fillos, todos moi coñecidos.

No hay comentarios:

Publicar un comentario