domingo, 15 de junio de 2025

Escudos do Pazo de Galegos

   O pazo de Galegos ten tres escudos moi interesantes, dous no portón de entrada e outro no primeiro piso da fachada do corpo principal do pazo.
 
 
 Os dous que están no portón son moi parecidos, ovalados, con lambrequíns (follas ou cintas) ornamentais no bordo, e un helmo mirando cara á dereita do escudo.
  O primeiro (á esquerda do portón) está moi desgastado. Carlos Martínez Barbeito no seu libro "Torres, pazos y linajes de la provincia de la Coruña" di que representa ás familias Salgado, Ribera e Gayoso.
  Cos dous cuarteles inferiores non hai problema. No da esquerda podemos ver as tres faixas de sinople (verde) alternadas con outras de ouro dos Ribera. No cuartel da dereita en tres das faixas vemos uns peixes, as troitas que representan á familia Gayoso. As faixas do escudo dos Gayoso alternaban o azur (azul) co ouro ou coa prata (cor branca).
  É máis complicado distinguir algo na zona superior do escudo. Os Salgado eran representados ás veces por dúas torres de prata, colocadas en faixa, unidas por unha cadea e sumadas dunha aguia de ouro que apoiaba unha pata en cada torre. Noutros casos as dúas torres eran de ouro, sostidas dunha terrasa de sinople (verde), sumada cada unha dunha pomba de prata, afrontadas e que pican nun saleiro de prata en forma de copa colocado entre as dúas torres. Ás veces tamén aparecía o seu lema: SALGA DO SALIERE. No escudo de Galegos da a impresión que hai dúas figuras enfrontadas (que poden ser as pombas) e algo no medio (que podería ser o saleiro) pero non está nada claro.
  O segundo escudo do portón está moito mellor conservado. Podemos ver perfectamente catro cuarteis. Nos dous superiores están o M dos Montenegro e as 5 moscas de ouro en campo de azur (azul) da familia Mosquera. Nos dous inferiores están a banda cos dous dragóns dos Andrade e o xaquelado característico dos Bermúdez, tan habitual en multitude de escudos da comarca (Bidueiro, Carrucheiros, Peñasco...).
 

  Ambos os dous escudos teñen relación co fundador do pazo, don Gómez Mosquera Pimentel de Ribadeneyra, señor tamén da casa de Lodoira, soar dos Mosquera e Espantoso. Era fillo de don Antonio Ares Mosquera Pimentel Ribadeneyra e dona María de Ribera Salgado, filla de don Álvaro de Ribera, señor da casa de Podente, e de dona Inés Salgado de Cundín, da casa de Borraxeiros. Entre as súas devanceiras estaban tamén dona María Araujo Salgado e dona Antonia Vázquez de Lemos.
 
 
O escudo da fachada é parecido aos outros pero é menos oblongo e está algo máis adornado. O helmo superior mira tamén á dereita do escudo. Parece ter 5 cuarteis. Os dous superiores, nos que vemos unha torre cunha aguia enriba e 5 lúas, representan respectivamente ás linaxes Novoa e Luaces.
Os tres cuarteis inferiores son en realidade un dividido en tres porcións (o que en heráldica se chama escudo "mantelado") con dous castelos de ouro en campo de goles (cor vermella) e un león de goles en campo de prata, representando ao apelido Enríquez ou Henríquez.
 
  Era o escudo da fundadora do Pazo dona María Enríquez de Nóvoa Quirós y Sotomayor, tamén señora da casa de Armariz en Ourense, que era filla de don Simón Enríquez de Nóvoa e de dona Antonia de Moscoso y Quirós, anterior dona de Armariz, e entre os seus devanceiros estaban dona Inés de Ribadeneyra, dona Lucía del Pino e dona Violante Mosquera.
 

No hay comentarios:

Publicar un comentario