O ano 2001
non se pareceu en nada a aquel que pintaba a famosa película
de Stanley kubrick, baseada nun conto de Arthur C. Clarke. Non houbo monolitos
nin viaxes espaciais pero si houbo avións chocando contra edificios.
O 11
de setembro foi un día para a historia. Algúns sosteñen que aí
comezou realmente este século XXI cheo de ameazas. Nunca antes os cidadáns dos USA
foran atacados no seu propio territorio, nunca antes se sentiran vulnerables.
As guerras que libraran transcorrían a moitas millas do seu sacrosanto fogar,
pero ese día todo cambiou.
Ás nove menos cuarto da mañá, cando a cidade
de New York aínda non levaba moito tempo traballando, un avión comercial de
American Airlines estrelouse contra unha das entón famosísimas Torres Xemelgas.
En
Galicia eran as tres menos cuarto da tarde dun fermoso día de verán. A xente que ía
traballar pola tarde ou a tomar o sol na praia puido ver por televisión o
ataque dun Boeing 757 á segunda torre, apenas 15 minutos despois.
A estes ataques continuaron outros contra o
Pentágono, a Casa Branca, o Departamento de Estado... en fin, todos os símbolos
máis prezados do país.
O mundo enteiro quedou conmocionado. A
maioría dos países expresáronlle as súas condolencias ao xigante ferido e
correron a poñerse ao seu lado na vinganza inevitable.
Poucos días despois todo apuntaba a que o
responsable era un rico árabe, antigo aliado dos USA, Osama Bin Laden, que se converteu no home máis buscado do mundo.
O ano tamén foi nefasto para Arxentina da que
se fugaron en 11 meses 18.000 millóns de dólares. O 2 de decembro o presidente Fernandode la Rúa implantou as restriccións monetarias (o famoso
"corralito"). Pouco despois fuxiu en helicóptero e o país tivo catro
presidentes en 10 días!
O noso país, en cambio, vivía a 2ª
lexislatura do goberno de Aznar. Eran os tempos de "España
va bien", porque efectivamente a economía ía coma un tiro. O ladrillo
colonizaba cada metro cadrado libre de terreo e 50 millóns de turistas
visitaban as nosas praias.
A xente, que asistira embobada o ano anterior ao boom de "Gran hermano", comezou a ver
os luns deste 2001 un programiña no que pouca xente confiaba. Debía competir co
xigante mediático, Javier Sardà, que remataba de devorar sen piedade ao millonario
fichaxe de Antena 3 Máximo Pradera. O programiña, chamado "Operación Triunfo" foi aos poucos levantando cabeza,
desbancou aos "marcianos", desbancou ao fútbol e chegou... marabilla
de marabillas! a ser o programa máis visto desde que naceran as privadas.
Galicia
vivía a era Fraga
(a 3ª lexislatura) e Ordes o Martinismo.
Non é que non houbese oposición, que a había, pero o bo momento económico
ocultaba todos os problemas e as maiorías absolutas caían unha detrás doutra.
Así, nas eleccións autonómicas daquel ano, o PP sacou en Ordes 3.389
votos por 1.473 do BNG e 1.133 do PSOE.
Se a economía ía ben, o que castigaba era o clima. O inverno do ano 2000-2001 choveu tanto que algúns ata falaban dun 2º diluvio.
Se a economía ía ben, o que castigaba era o clima. O inverno do ano 2000-2001 choveu tanto que algúns ata falaban dun 2º diluvio.
En Ordes as principais polémicas viñan da
desmesura que empezaba a tomar a movida
e das dificultades de aparcamento.
Ao
longo do ano cambiouse a dirección dalgunhas rúas, fóronse eliminando
estacionamentos nunha beira das rúas dos Lagartos e o Mercado e en verán
comezou a zona azul na zona da Alameda ata o Sanatorio. Tamén comezou o emprego
de soares baleiros para o aparcamento. A medida que máis sorprendeu e cambiou o
aspecto da vila comezou o 19 de xullo e foi a prohibición de aparcar na marxe
oeste da Rúa Alfonso Senra. Por suposto, isto non foi do agrado de moitos
veciños, pero o tempo deulle a razón aos cambios.
En novembro a atención popular estivo no
xuizo na Audiencia da Coruña contra Manuel
Antonio Prado, o mozo que matara a un taxista e logo se fora de
copas. Finalmente foi declarado culpable, pero non pasaría moito tempo no
cárcere e, en 2008, volvería a cometer outro crime en Betanzos.
2001 foi un ano de
cine espectacular. Apareceron os blockbusters "The Lord of the Rings" e "Harry Potter", pero tamén (snif) "The Fast and the Furious". No campo da animación
vimos "Shrek", "Monsters, Inc." e a
experimental "A viaxe de Chihiro". Reese
Whitherspoon foi "Legally Blonde" e
Amenabar dirixiu "Los otros" con Nicole Kidman. En TV destacou 24.
No campo da música foi a explosión
internacional de Shakira con "Whenever, Wherever" e de
Linkin Park co tema "In the End", mentres
en España non paramos de escoitar a Sonia e Selena co seu pegañento "Yo quiero bailar" e a Coyote Dax coa viral coreografía de "No rompas más".
|
Excelente trabajo. Material super interesante
ResponderEliminarAgradecido. Un saúdo.
Eliminar