O último terzo de 1922 foi unha época
de gran efervescencia agrarista en Ordes (e en toda Galicia, pero con especial
incidencia na provincia da Coruña).
Unha das principais fontes de
poder dos caciques locais era que eles decidían "de facto" os
impostos que debía pagar o pobo. Se un campesiño non era do agrado do cacique
vía como a contía dos seus impostos aumentaba arbitrariamente.
Para tentar resolver este problema, o político conservador Augusto González Besada (galego e por
tanto bo coñecedor do tema), ministro de Facenda en 1918, asinou ese ano
un decreto que pretendía combater eses privilexios no que entón se denominaba "recaudación
de consumos".
Claro que unha
cousa é lexislar e outra que as leis se cumpran. Na maioría de lugares (entre
eles Ordes) o decreto foi burlado de diversas formas, converteuse en papel
mollado e a situación non variou para irritación crecente dos campesiños.
Pero non todo era igual exactamente que 10 anos atrás. Os labregos tiñan agora
máis forza porque, ademais de intelectuais de partidos minoritarios, contaban
con moitos agraristas católicos que proviñan de ámbitos próximos ao Partido
Conservador e con xornais de certa importancia como El
Noroeste ou El
Ideal Gallego que defendían estas ideas e promovían e publicitaban as
protestas campesiñas.
A axitación comezou en setembro cunha insólita manifestación de veciños en Ordes
diante da Casa do Concello pedindo a rebaixa dos gastos municipais e dos que o
partido xudicial destiñaba ao cárcere. Poucos días despois houbo incidentes en
Olas (Mesía) onde os veciños se negaron a pagar os impostos que lles
correspondían e recibiron de forma hostil aos funcionarios e aos gardas civís
que os acompañaban.
O acto máis espectacular produciuse o xoves 5 de outubro: uns 800 campesiños da
comarca apareceron na Coruña (algúns despois de andar 8 e 9 horas) onde se
manifestaron polas súas rúas máis céntricas facendo oír a súa protesta.
El Ideal Gallego, que destacou a orde e a mesura dos manifestantes,
explicaba os seus argumentos: "No
se oponen al pago de la cuota de consumos, pues siempre han estado dispuestos a
pagar lo que les corresponda, ni hacen frente a la fuerza pública (siquiera
haya habido algunas negativas u oposiciones que el Juzgado militar tiene
pendiente). Lo único que piden es que Institutos tan beneméritos como el de la
Guardia Civil no estén al servicio de agentes, secretarios y alcaldes sin
conciencia, para fines caciquiles y de egoísmos personales o de tendenciosas y
bastardas conveniencias políticas".
Encabezados por Salvador
Sanz Martínez (concelleiro da cidade e membro da Asociación
nacional católica de jóvenes de La Coruña), foron recibidos polo delegado
de Facenda e posteriormente polo gobernador civil da Coruña. Aos dous lles
leron e entregaron unha exposición que detallaba os atropelos dos que crían ser
obxecto e reclamaban compensacións. Obviamente, os dous políticos tiveron boas
palabras para eles e o gobernador ata prometeu esixir responsabilidades a
aqueles alcaldes que abusasen da súa autoridade.
Claro que una cousa eran as palabras na Coruña e outra os feitos en Ordes
porque o propio xornal informaba que, como represalia contra o párroco de
Papucín, don Antonio Leiro Eiré, por acudir á
manifestación, o ex-secretario do Concello de Frades José Stolle García entrou na reitoral á forza
e levouse para Ordes o cabalo do sacerdote!
10 días despois, o domingo 15 de outubro de 1922 ás tres da tarde, tivo lugar
nun piñeiral preto da vila de Ordes un mítin católico agrario multitudinario. El Compostelano contou 5.000 asistentes (pero como na manifestación da Coruña os 800
asistentes de El
Ideal Gallego eran para el 2.000, temos que tomar esta cifra con moita
prevención).
Fixo a presentación dos
oradores o ex-deputado provincial Celestino
Amigo.
Salvador Sanz Martínez, que estivera na
manifestación da Coruña, referiuse especialmente aos incidentes de Olas que
tiñan no cárcere da cidade a 7 mulleres presas en espera de xuízo militar.
O avogado de Betanzos Víctor Naveira Pato e o avogado pontevedrés Ramón Salgado Pérez foron máis xenéricos, ao contrario que o catedrático de veterinaria Jesús Culebras que describiu minuciosamente o caciquismo ordense que coñecía á perfección e que logrou as gargalladas dos oíntes. Alfonso de Cal, redactor de El Noroeste, alabou a figura do cura de Papucín.
Jacobo Varela Menéndez, director de El
Ideal Gallego e bo coñecedor do distrito por ter competido (con nulos
resultados) contra Alfonso
Senra nun par de eleccións a Cortes, foi o segundo máis aplaudido polo público presente. Centrouse no
decreto de Besada e os consumos, censurando as ilegalidades dos caciques.
E chegou o momento que toda a xente esperaba con afán: o orador estelar, José Calvo Sotelo, un mozo de 29 anos, aínda con escasa bagaxe política, posto que só fora deputado polo Carballiño e gobernador civil de Valencia ese mesmo ano de 1922.
E non defraudou pois deulle ao público o que este quería: foi convincente cando
razoaba, agresivo cando mencionaba ao caciquismo gassetista e emotivo falando
das mulleres detidas ou recordando a Leonardo Rodríguez Díaz (un político
amigo seu que morrera había un par de semanas). Un clamor de aplausos culminou
o seu discurso.
Despois do mítin os asistentes fixeron unha intimidante marcha pola vila que
rematou sen máis incidentes que algúns insultos e protestas diante da casa de Saturnino Aller.
Todas estas algaradas non variaron
demasiado a situación. En novembro o comisionado de Facenda en Ordes, Sr.
Ossorio, recibiu queixas oficiais do veciño Juan Iglesias Rivas na súa oficina
(por certo dita oficina estaba nunha casa de Saturnino Aller), e outras
protestas por irregularidades diversas continuaron saíndo á luz pública
intermitentemente.
No hay comentarios:
Publicar un comentario