O monte
Inxerio é unha gran masa de
terreo comunal que data de tempos moi antigos (xa aparece mencionado no
Catastro do Marqués de la Ensenada de 1752). Este terreo era vital para a
parroquia de Mercurín, que vivía nun sistema case feudal, onde os veciños
apenas posuían terras e grandes propietarios como os Batanero tiñan múltiples
lugares e caseiros. Os veciños máis necesitados plantaban trigo e
levaban as súas vacas a pacer alí. O Inxerio ofrecía ademais o imprescindible
toxo para estrar as cortes e ter despois algo de abono para as leiras, arbustos
para queimar, herbas medicinais...
Pero todo isto estaba en perigo pola obsesión
reforestadora que xa non era daquel tempo, senón que viña desde a época de
Alfonso XIII. De feito, o organismo coñecido como PFE (Patrimonio Forestal del Estado) foi creado en 1935 en plena República
e o franquismo reforzou as súas competencias en 1941. Agora estaba o Inxerio
no seu punto de mira.
|
Na tarde do 18 de abril, sobre as 4 da tarde,
unha brigada de case 30 obreiros do Patrimonio Forestal, dirixidos polo
vixiante José
Gómez, accederon ao monte Inxerio e iniciaron os traballos
de repoboación. Apareceron entón unha ducia de mulleres da parroquia armadas
con paus, apeiros de labranza e pedras. Conminaron aos obreiros a que marcharan
"polas boas ou polas malas". Como os obreiros non se retiraron,
comezaron a tirarlles pedras e duas delas, Encarnación e Manuela, agrediron cos
paus ao vixiante ao tempo que proferían palabras "contra el santo nombre del Señor y de la santísima Virgen".
Vendo que a actitude agresiva das mulleres non cesaba os obreiros víronse
obrigados a marchar do monte.
Este protagonismo das mulleres nas loitas
comunais era habitual naqueles tempos, pois a represión sempre era menos forte
contra elas que contra os homes.
As
mulleres serían denunciadas e multadas, pero o xuízo aínda tardaría en
celebrarse. Sería en febreiro de 1962 na
sala 1ª do Criminal da Coruña.
O presidente do tribunal era tamén o da
Audiencia Provincial, Manuel Lojo Tato, acompañado de Francinco
Javier Badía y Gutiérrez de Caviedes e Alfonso Navascués y Pablos (que fora
xuíz en Ordes). Representou ao Ministerio público o fiscal da Audiencia
Territorial Antonio
Couceiro Tovar e foron os avogados defensores César Fernández Mejuto e Manuel Murillo
Carrasco, que tamén estaban representadas polo procurador Miguel Ortiz
Merelo.
Ás 11 da mañá do xoves 22 de febreiro comezou
a causa coa declaración das procesadas e de nada menos que 32 testemuñas! Logo
o fiscal expuxo o seu informe onde relatou o ataque das mulleres aos obreiros,
feitos que el vía constitutivos do delito de coacción previsto no artigo 496 do
Código Penal e polo que solicitou que lles foran impostas ás procesadas a pena de 3 meses de arresto
maior, 1.000 pesetas de multa e pago das costas xudiciais.
Reanudado o xuízo ás 17:30, chegou o turno
dos defensores. Antonio Couceiro negou o delito xa que, para el, as mulleres
estaban defendendo as súas terras e o seu medio de vida. Declarou que o monte
Inxerio nunca foi do Estado nin existía proba algunha de que estivese
catalogado. Indo máis lonxe, a agresión patrimonial e persoal partiu dos
propios empregados do Patrimonio Forestal que irrumpiron no monte arrasando as
colleitas dos veciños de Mercurín. Por tanto pediu a absolución e en todo caso
a eximente de defensa propia. Manuel Murillo comezou eloxiando a intervención
do seu compañeiro e continuou polo mesmo camiño resaltando que as veciñas non
defendían só un pouco de terra, defendían a terra dos seus antergos e que
habían de herdar os seus fillos. "Su actitud en el monte fue la de la persona que
angustiada contempla el peligro que se cierne sobre su persona, sobre su
familia y lo evita". Rematou
con esta "brillante disertación,
plétorica de argumentos contundentes y rebosante de elocuencia" a
vista da causa.
A sentenza fíxose pública a semana seguinte,
xa en marzo, e as 12 veciñas foron absoltas do delito de coacción ao estimar a
Sala que de boa fe crían estar no seu dereito de opoñerse aos obreiros. A
parroquia enteira respirou con alivio e o monte Inxerio seguiu a disposición
dos veciños.
Non
obstante as mulleres estiveron unha boa época indo ata o Inxerio, armadas coas
súas sachas e fouces vixiando todo o día (ata comían alí sen ir ás súas casas) para
que non volveran os obreiros a plantar o monte.
O paradoxo é que, co pasar do tempo, serían
os propios veciños de Mercurín os que encherían de árbores gran parte do lugar.
No hay comentarios:
Publicar un comentario