martes, 13 de mayo de 2025

Defendendo o Inxerio!

  O suceso máis relevante do ano 1961 en Ordes, foi o conflito do monte Inxerio na parroquia de Mercurín.
 
 
  O monte Inxerio é unha gran masa de terreo comunal que data de tempos moi antigos (xa aparece mencionado no Catastro do Marqués de la Ensenada de 1752). Este terreo era vital para a parroquia de Mercurín, que vivía nun sistema case feudal, onde os veciños apenas posuían terras e grandes propietarios como os Batanero tiñan múltiples lugares e caseiros. Os veciños máis necesitados plantaban trigo e levaban as súas vacas a pacer alí. O Inxerio ofrecía ademais o imprescindible toxo para estrar as cortes e ter despois algo de abono para as leiras, arbustos para queimar, herbas medicinais...
  Pero todo isto estaba en perigo pola obsesión reforestadora que xa non era daquel tempo, senón que viña desde a época de Alfonso XIII. De feito, o organismo coñecido como PFE (Patrimonio Forestal del Estado) foi creado en 1935 en plena República e o franquismo reforzou as súas competencias en 1941. Agora estaba o Inxerio no seu punto de mira.
 
  Na tarde do 18 de abril, sobre as 4 da tarde, unha brigada de case 30 obreiros do Patrimonio Forestal, dirixidos polo vixiante José Gómez, accederon ao monte Inxerio e iniciaron os traballos de repoboación. Apareceron entón unha ducia de mulleres da parroquia armadas con paus, apeiros de labranza e pedras. Conminaron aos obreiros a que marcharan "polas boas ou polas malas". Como os obreiros non se retiraron, comezaron a tirarlles pedras e duas delas, Encarnación e Manuela, agrediron cos paus ao vixiante ao tempo que proferían palabras "contra el santo nombre del Señor y de la santísima Virgen". Vendo que a actitude agresiva das mulleres non cesaba os obreiros víronse obrigados a marchar do monte.
  Este protagonismo das mulleres nas loitas comunais era habitual naqueles tempos, pois a represión sempre era menos forte contra elas que contra os homes.
 
  As mulleres serían denunciadas e multadas, pero o xuízo aínda tardaría en celebrarse. Sería en febreiro de 1962 na sala 1ª do Criminal da Coruña.
  O presidente do tribunal era tamén o da Audiencia Provincial, Manuel Lojo Tato, acompañado de Francinco Javier Badía y Gutiérrez de Caviedes e Alfonso Navascués y Pablos (que fora xuíz en Ordes). Representou ao Ministerio público o fiscal da Audiencia Territorial Antonio Couceiro Tovar e foron os avogados defensores César Fernández Mejuto e Manuel Murillo Carrasco, que tamén estaban representadas polo procurador Miguel Ortiz Merelo.
  Ás 11 da mañá do xoves 22 de febreiro comezou a causa coa declaración das procesadas e de nada menos que 32 testemuñas! Logo o fiscal expuxo o seu informe onde relatou o ataque das mulleres aos obreiros, feitos que el vía constitutivos do delito de coacción previsto no artigo 496 do Código Penal e polo que solicitou que lles foran impostas  ás procesadas a pena de 3 meses de arresto maior, 1.000 pesetas de multa e pago das costas xudiciais.
  Reanudado o xuízo ás 17:30, chegou o turno dos defensores. Antonio Couceiro negou o delito xa que, para el, as mulleres estaban defendendo as súas terras e o seu medio de vida. Declarou que o monte Inxerio nunca foi do Estado nin existía proba algunha de que estivese catalogado. Indo máis lonxe, a agresión patrimonial e persoal partiu dos propios empregados do Patrimonio Forestal que irrumpiron no monte arrasando as colleitas dos veciños de Mercurín. Por tanto pediu a absolución e en todo caso a eximente de defensa propia. Manuel Murillo comezou eloxiando a intervención do seu compañeiro e continuou polo mesmo camiño resaltando que as veciñas non defendían só un pouco de terra, defendían a terra dos seus antergos e que habían de herdar os seus fillos. "Su actitud en el monte fue la de la persona que angustiada contempla el peligro que se cierne sobre su persona, sobre su familia y lo evita". Rematou con esta "brillante disertación, plétorica de argumentos contundentes y rebosante de elocuencia" a vista da causa.
  A sentenza fíxose pública a semana seguinte, xa en marzo, e as 12 veciñas foron absoltas do delito de coacción ao estimar a Sala que de boa fe crían estar no seu dereito de opoñerse aos obreiros. A parroquia enteira respirou con alivio e o monte Inxerio seguiu a disposición dos veciños.
 
   Non obstante as mulleres estiveron unha boa época indo ata o Inxerio, armadas coas súas sachas e fouces vixiando todo o día (ata comían alí sen ir ás súas casas) para que non volveran os obreiros a plantar o monte.
  O paradoxo é que, co pasar do tempo, serían os propios veciños de Mercurín os que encherían de árbores gran parte do lugar.

No hay comentarios:

Publicar un comentario