No lugar do Pazo da parroquia de San Martiño
de Galegos (Frades) achamos un dos monumentos máis importantes da comarca, o
pazo de Galegos, do que temos noticias desde 1664, a mediados do século XVII.
Accédese a el por un portón, feito de grandes
pezas de cantería, de traza sinxela e co lintel recto. Amosa dous fermosos escudos,
labrados sobre a pedra e bastante desgastados. No da esquerda están
representadas as liñaxes dos Salgado,
Ribera e Gayoso, e no da dereita as dos Montenegro, Mosquera, Andrade e Bermúdez.
Ademais no centro hai unha inscrición que alude ao paso de dona Mariana de
Neoburgo, futura raíña de España:
EN 15 DE ABRIL DE 1690 DURMIÓ EN ESTA CASA LA REINA NTRA. SRA. Dª
MARIANA DE NEUBURGO, MUGER DEL REY NTRO. SR. D. CARLOS 2º, VINIENDO DE LA
CORUÑA EN ROMERÍA Á NTRO. SANTO APÓSTOL SANTIAGO.- SIENDO DUEÑOS DE ESTA CASA
D. ANTº MOSQUERA PIMENTEL RIVA DE NEIRA CASADO CON Dª BALTASARA ANTª DE LUNA
LOVERA Y VALLADARES. AD MAYOREM DEI GLORIA.
O corpo principal do pazo, que está á
esquerda da entrada, ten unha planta rectangular moi alongada duns 25 metros de lonxitude
por uns 7 de ancho. O tellado, a catro augas, conta cun par de chemineas. Apegada
perpendicularmente a el hai unha pequena capela restaurada recentemente cun
estilo disonante do resto do conxunto. Tamén hai no patio outra pequena
edificación que agora serve de biblioteca e local social.
As paredes do pazo están revocadas e pintadas
de cor branca, pero sempre deixando á vista as pezas de cantería dos vans. Na
fachada principal (non na do SO nin nas laterais) a zona revocada ten multitude
de ocos aleatorios que deixan ver a pedra, o que lle confire unha estética
similar á das igrexas e capelas mariñeiras. A porta de entrada, labrada en
cantería, ten un lintel recto sobre pequenos canzorros a maneira de triglifos.
No primeiro piso, entre a primeira e segunda fiestra, hai outro escudo,
diferente aos da entrada, representando as linaxes dos Novoa, Luaces e Enríquez.
O pazo conta tamén cuns xardíns de
aproximadamente 3.500
metros cadrados.
O primeiro propietario foi Gómez Mosquera
Pimentel de Ribadeneyra, señor da casa de Lodoira, soar dos Mosquera
e Espantosos, e capitán das milicias de Mesía, que casou con dona María Enríquez
de Novoa Quirós y Sotomayor, señora da casa e fortaleza de Armariz e
da súa xurisdición en Ourense. Ambos os dous están soterrados en suntuosos
mausoleos na igrexa de San Martiño de Galegos.
O herdeiro foi Antonio Mosquera Pimentel Ribadeneyra,
que casou con dona Baltasara de Luna Llovera y Valladares, relacionada
coa casa de Aplazadoiro. Estes foron os que acolleron a dona Mariana de
Neoburgo e ao seu irmán don Luis. Como compensación foilles concedido o privilexio de
poñer cadeas na súa casa (tal como sucedeu tamén cos anfitrións que hospedaran
á raíña no pazo de Herves, os Quiroga e Ulloa).
O seguinte herdeiro, tanto de Armariz como de
Galegos, foi Antonio
José Mosquera Pimentel, 2º marqués de Bóveda de Limia e Rexidor de
Ourense, debido ao seu matrimonio coa titular das dúas dignidades dona Mª Teresa
Espinosa y Berbetores (que era filla do 1º marqués -desde 1701- Juan
Nicolás de Espinosa y Feijóo e de Isabel Melchora de Berbetores y Montenegro).
O primoxénito deste matrimonio foi Benito Mosquera
Pimentel Berbetores, 3º marqués de Bóveda de Limia, que en 1754 pertencía
ao Real Seminario de Nobres de Madrid.
Xa fóra da familia, no século XX, outro dos
seus donos foi Emilio
Folla Jean (m.1932), que en xuño de 1914 cedeuno a Maximiliano
Linares Rivas (m.1932), alcalde do Ferrol e da Coruña. Herdouno a súa filla Rosario Linares-Rivas Amil-España.
Esta cedeuno en xullo de 1966 á
congregación de monxas de Santa Dorotea. Foron elas as que mandaron
construír a capela. A súa presenza foi vital para a zona. Dirixiron unha escola
para os nenos do lugar, cederon os terreos e as casas aos 19 caseiros que había
e venderon a baixo prezo os terreos para que outros 29 mozos da parroquia
edificaran as súas casas. Tamén doaron á asociación de veciños os terreos para
o campo da festa e logo a Fraga do Petón.
En
2024, Remedios
Miguélez, a última das monxas doroteas que vivía en solitario no
pazo, abandonouno o día 31 de agosto. A congregación estaba perfilando a cesión
do pazo ao Concello de Frades.
No hay comentarios:
Publicar un comentario