Manuel Rodríguez García co seu libro "Historia viva" (1998) é unha gran
fonte de información sobre o Ordes de principios do século XX. Velaquí algúns
dos seus recordos sobre como era a vida cotiá antes de 1930.
A vida nas aldeas de Ordes, hai máis de 70
anos, era moi familiar. As xentes estaban todas emparentadas, as casas unidas
unhas a outras, igual que as eiras, cos palleiros agrupados. Os corrais de
diante das casas formaban un só, e cada casa estraba con toxos a
súa parte correspondente. Os hórreos agrupábanse así mesmo no campiño máis
alto. Nas eiras situábase o pozo do cal sacaban a auga cun caldeiro atado a
punta dun adibal enrolado nun sarillo de pau. O muíño tamén era comunal e
estaba partido en pezas e medias pezas. No lavadoiro, construído no campo da
fonte, cada veciño tiña a súa lousa de pedra para refregar a roupa, que se
poñía a clareo no arredor, antes de tendela a secar nas silveiras.
As mulleres da aldea xuntábanse todos os luns
no lavadoiro; lavaban a roupa e contaban contos. Era un lugar de encontro; as
xentes tamén se procuraban nos herbais, nas cortiñas, nas corredoiras e nos
carreiros.
Os nenos nacían nas casas e mamaban ata o ano
e medio, pero aos poucos meses xa lle daban papas de fariña de millo con leite,
que eran sempre de fariña do óleo, e máis caldo coa culler, que antes mastigaba
a nai. Tamén lle daban a codia de abaixo do pan de boroa. Vestían "peleles",
camisas, chaquetas, pantalóns longos por debaixo do xeonllo cun tirante só, un
pouco cruzado, boina e zocos. Ían xogar cos outros nenos, ás veces en busca de nocellas,
que arrincaban cun chuzo de pau, amoras, acedas, peruquiños dos espiños, abelás,
piñóns de piñeiro macho, castañas, chuchameles e amorotes.
No almorzo tomábase caldo do día anterior con
pan molente ou sopas de nata ou manteiga; no xantar, caldo, compango (carne de
cocho) e un chisco de leite; na cea, merenda de fariña de trigo con torrixos e
graxa de cocho. Cando chovía moito acoraba o muíño e non moía fariña dabondo
para cocer. Era cando se facían bolos no pote con torrixos ou bolas delgadas na
borralla envoltas en verzas.
A escola era de pago (un ferrado de trigo
anual), e só acudían a ela os rapaces; ás rapazas, como non ían ao servizo
militar, non lles facía falta saber ler. Pero mesmo os rapaces asistían pouco,
pois xa desde pequenos tiñan que traballar, ás veces de sol a sol; levar as
vacas a pacer, chamar aos bois a arar ou gradar a terra, ir apañar comida para
os animais (herba, avea, nabos, verzas), ou toxos para as bestas, que había que
trizar no trizadeiro e botarllas no pesebre.
Cando algún neno estaba empanicado, a nai
facíalle os remedios na casa: para a gorxa, mel con limón; para os ollos,
celidonia con leite; para a cabeza, lonchas de patacas postas na testa de
diadema amarradas cun pano; para o constipado, auga fervida con romeu, ruda, follas
de eucalipto, malvas e fiunchos; para purgalos, ouropeso; para as
feridas, po de champiñóns; para os tirizós, afumalos con fume de carozos; para
o trancazo, unha ortigada no lombo; e para os golpes, fregas de nabo caíño.
OS MUÍÑOS
Os muíños de río eran comunais e estaban
partidos en pezas ou medias pezas, sendo a peza de sol a sol. Pola mañá cedo,
antes de saír o sol, apañaba a fariña o que moeu de noite e deitaba o millo o
que moía de día. Se tiña media peza apañaba á posta do sol e deitaba a da noite.
Despois de cear na casa xuntábanse as mozas
da aldea e ían dar conta do muíño... Que había moito raspiñeiro! Levaban un
farol e un candil para alumear, pandeiretas e cunchas para bailar a muiñeira.
Ao chegar os mozos, que levaban algunha
gaita, xa empezaba a muiñada para toda a noite. A moza que bailaba co mozo que lle gustaba pronto se cansaba de bailar e
dicíalle se quería sentarse, así ían sentarse no canto do tremiñado ou no
pasadoiro e contaban moitos contos. El botáballe o brazo por enriba e dáballe
uns beliscos, e ela toda se revolvía coma quen non quere a cousa. Así brincaban ata
moi tarde e cantaban:
"Unha noite no muíño, unha noite non é nada. Unha
semaniña enteira, esa si que é muiñada" ou "O muíño do meu sogro,
eu ben lle sei o tempero. Cando está alto baixalo, cando está baixo
erguelo".
No hay comentarios:
Publicar un comentario