martes, 22 de julio de 2025

O ano 1962

 
  En 1962 parecía inicialmente que a Guerra Fría baixaba de intensidade cando os USA e a URSS intercambiaron prisioneiros: o piloto Francis Gary Powers polo espía Rudolf Abel, pero en outubro un avión U2 descubriu unha base de mísiles en Cuba. Despois de estar ás portas da guerra, a URSS anunciou en outubro a retirada deses mísiles da illa. Outro protagonista do ano foi Alxeria que, logo de longo tempo de loita do FLN, declarou a súa independencia de Francia o 5 de xullo, provocando así o éxodo de case un millón de "pés negros" (descendentes dos colonos europeos). En outubro tivo lugar a 1ª sesión do Concilio Vaticano II que cambiaría a Igrexa Católica. Ese ano tamén se creou o xerme de Amnistía Internacional e a ONU condenou o Apartheid da República Sudafricana.
  No ámbito tecnolóxico continuaron as probas nucleares, a carreira espacial e lanzouse o Telstar 1, primeiro satélite de telecomunicacións do mundo, propiedade da ATTC. Sería o primeiro paso para a conectividade global. Anecdoticamente tamén foi o ano dos 100 puntos de Chamberlain na NBA e da Fuga de Alcatraz, prisión que pecharía ao ano seguinte.
 
  1962 foi o ano no que naceu Spiderman e houbo fantásticas películas e preciosas cancións como a mítica "Stand by Me". Tamén foi o ano do 1º concerto dos Rolling Stones no Club Marquee e do lanzamento do "Love Me Do" que daría orixe á posterior Beatlemanía.
 

  España solicitou o ingreso no mercado común, por suposto en vano. A nivel político os tecnócratas, que querían mellorar o nivel de vida dos españois para garantir o seu apoio ao Réxime, consolidaron o seu poder. Apoiados por Carrero Blanco, entraron no goberno López Bravo (Industria) e Lora Tamayo (Educación). A facción contraria, os «aperturistas» liderados polo ministro e delegado dos sindicatos Solís, colocou a Fraga como ministro de Información e Turismo. Solís sería tamén quen enfrontaría o maior problema dese ano para o Réxime, a folga mineira en Asturias. Unha das súas consecuencias sería o nacemento de Comisiones Obreras. A oposición mentres tanto celebrou unha xuntanza en Alemaña que foi alcumada pola prensa franquista como o Contubernio de Múnich. Ese ano tamén se celebrou en Atenas a voda de Juan Carlos de Borbón con Sofía de Grecia, e en Francia a 1ª asemblea de ETA. O peor foron unhas chuvias torrenciais en Cataluña e Levante que causaron centos de mortos na comarca do Vallés.
 
No mundo da cultura 1962 foi o ano no que Torrente Ballester rematou a monumental triloxía Los gozos y las sombras, publicouse a reivindicativa novela Las ratas de Delibes e estreouse no teatro El concierto de San Ovidio de Buero Vallejo. O cine deu películas tan boas como Atraco a las tres, La gran familia ou Gritos en la noche, e debutou Rocío Dúrcal con Canción de juventud, competencia para unha Marisol exitosa con Tómbola que ademais tamén foi a canción do ano só por detrás de "Perdóname" do Dúo Dinámico e "Cuando calienta el sol" -xa de 1961- dos irmáns Rigual.
 
  Galicia en 1962 seguía sendo fundamentalmente agrícola como podedes ver neste vídeo. Pero tamén avanzaba no ámbito industrial, por exemplo a empresa Larsa de Vilagarcía empezou a producir leite en bolsas, o que non evitaba unha forte emigración agora cara a Europa. Dentro do ámbito da cultura apareceu unha obra capital: a "Longa noite de pedra" de Celso Emilio Ferreiro.
 
En Ordes ese ano remataron as obras de ampliación da igrexa parroquial (a falta da torre norte e a escaleira) e a panadería de Francisco Fuentes pasou a ser a Panadería Milagros.
XANEIRO: Comezou o ano podendo presenciar todos os xoves durante meses os adestramentos do RC Deportivo da Coruña en Vista Alegre para coidar o deteriorado céspede de Riazor.
FEBREIRO: Xuízo contra 12 mulleres de Mercurín. Morreron Julio Liñares Castro, José Rodríguez Liñares, viúvo de Cándida Gómez Gómez, aos 79 anos Pedro Concheiro García aos 46 anos e Josefa Gende Varela, viúva de García do Casal e nai da panadeira Fleira, aos 92 anos. Ademais en Leira faleceu Pedro Moure Gómez aos 84 anos e Manuel Varela Franqueira aos 80 en Lesta.
MARZO: Grave accidente na estrada Ordes-Trazo: volcou un tractor morrendo o mozo de 17 anos Eduardo Carrillo Liste (17 anos) e feridos o condutor Ricardo Rodríguez Noya e Andrés Muiño Gianzo. Morreron Manuela Mosquera Villaverde da Espenica e José Ferro Manteiga en Buscás aos 67 anos.
ABRIL: O Ordes perdeu en Vista Alegre fronte ao Deportivo B. Morreu Manuela Areoso Golán aos 77 anos.
MAIO: O Arenal goleou en Ordes ao Rayo por 6-0 logrando así ser finalista do Torneo Primavera de xuvenís. O día da Ascensión 31 de maio, partido entre o Sigüeiro e o Rayo que gañaron os locais 3-1.
XUÑO: Xuízo contra Andrés Fraga Gómez e a súa muller Dolores Ríos Boquete por parricidio. Santa Misión en Abellá e Mesos. O tenente da Garda Civil Emilio Prado Lorda ascendeu a capitán e foi trasladado a Vilagarcía de Arousa. Morreu Dolores Suárez Calviño aos 80 anos en Poulo.
XULLO: Naceron Gonzalo, 1º fillo do médico Antonio Concheiro Carro, e a 1ª filla de Fausto Blanco.
Multa a numerosos veciños de Ordes por queimar rozas. 1000 pesetas da época para Andrés Candal Ríos, Manuel Sueiro Peña, José Precedo Louro, Manuel Candal Louro, Jesús Blanco Rodís, Constantino Vázquez Rivas, Jesusa Busto Sánchez e Dolores García Noya. Outra de 250 pesetas para José Candal López, Manuel Blanco Reboredo, Pedro Brandariz Villaverde, Manuel Garaboa, Ricardo Rama Seijo, Ramón Mesías Candal e Jesús Liste Caamaño (estes últimos tomaron precaucións para que o lume non se propagase, por iso a multa era menor).
AGOSTO: O día 20 voda de José Manuel Castro Ferreiro e Marisol Mariño Franqueira. Morreu José de la Fuente Eirín Che.
SETEMBRO: Morreu José Liste Noya, marido de Manuela del Río Couselo, aos 71 anos en Parada.
OUTUBRO: O equipo do Ordes eliminado do campionato galego de afeccionados por negarse a xogar a prórroga nun partido contra o Compostela. Morreu José Pena Gestal en Leira e Francisco Iglesias Juncal en Montaos.
NOVEMBRO: Estábase buscando emprazamento para a antena de RTVE que finalmente remataría colocada no Mesón do Vento. Voda do xuíz nado en Frades José Mª Botana López con Mª Dolores Torrón na Coruña. Dous labradores de Guindibóo mortos por unha explosión de metano dentro dun pozo.
DECEMBRO: O día 12 empezou a funcionar a Axencia de Extensión Agraria na rúa Calvo Sotelo (Lagartos). Morreron o neno Juan de Dios Abeijón Casas e Antonia Botana Vázquez en Buscás.

No hay comentarios:

Publicar un comentario