A parroquia de Barbeiros non conta con moitos xacementos arqueolóxicos.
Na parte norte, nunha zona coñecida como
Fonte Vella, ao leste da estación de peaxe da autoestrada e dunha liña de alta
tensión, pódense ver os restos dunha medorra de entre 18 e 20 metros de diámetro e
unha altura de menos de dous metros. Apréciase unha violación central.
Ao sur dos Bieites houbo un castro, pero na
actualidade está practicamente destruído. Na parte leste, a que está á vista
desde a estrada, pódense observar con ollo atento, restos do parapeto ao
decatarnos do cambio de cor da terra. Segundo
recordaban os veciños máis vellos, era un recinto de forma oval que tiña un
alto parapeto que se estendía uns 100 metros de norte a sur. No interior
apareceu un fogar, unha pedra tallada rodeada dun círculo de cinzas.
O que si está bastante conservado, dentro do
que cabe, é o chamado castro da Devesa
ou castro de Uzal, por estar a menos
de 800 metros
deste último lugar.
No sueste da parroquia, a menos de 150 metros do río Samo e
por tanto practicamente na fronteira coa parroquia de Galegos (Frades) podemos
atopar esta testemuña do pasado.
É un recinto vagamente circular fortificado
por un único parapeto que o protexe polo norte, oeste e sur cun foso contiguo.
Polo leste hai un gran desnivel xa que é a parte máis próxima ao río. Ten uns 120 metros de norte
a sur,
mentres que de leste a oeste a lonxitude parece algo menor, arredor dos 100 metros. A súa
superficie debe achegarse a 1,3 hectáreas (sobre 20 ferrados).
Na parte noroeste hai unha entrada que
podería coincidir coa orixinal. Da a unha especie de sendeiro que atravesa o
interior do castro de norte a sur e que vai rematar nunha zona onde o parapeto
está desmontado. Actualmente o castro está rodeado de arborado bastante mesto
por todas partes, mentres o interior está relativamente despexado pero con
zonas completamente inaccesibles con gran cantidade de mato.
De propina un vídeo de como podedes chegar ao
castro de Uzal.
No hay comentarios:
Publicar un comentario