martes, 19 de noviembre de 2019

Santa María de Leira


  A igrexa de Santa María de Leira está situada ao suroeste de Castrelos (a uns 350 metros do Hotel Barreiro) e a uns 130 metros en liña recta (240 por estrada) do núcleo de Menlle.
  Aínda que hoxe está dedicada á Virxe, no século XVIII non sucedía así. Segundo o Catastro del Marqués de la Ensenada era a capela de San Roque "que es de fundación y devoción de todos los vecinos"


  Cos seus case 160 metros cadrados está entre as maiores do concello. Ten planta de cruz latina coa sancristía pegada en lateral á cabeceira. Os muros son de cachotaría revocados con morteiro de cemento e pintados de cor branca, agás os esquinais que son de perpiaños. A fachada principal é de cantería coas xuntas pintadas tamén de cor branca. A porta ten o lintel en forma de arco de medio punto e doelas decoradas con varios arcos en profundidade descendente. Na parte superior hai unha sinxela fiestra rectangular e espadana con dúas campás rematada por unha cruz de ferro.
  Ten tellado a dúas augas con cuberta de pranchas de fibrocemento.

 
  No presbiterio, separado da nave principal por un arco de medio punto, atopamos o altar e detrás un retablo barroco de fondo azul con estípites. Destaca no centro unha imaxe da Virxe da Asunción flanqueada por un Sacro Corazón e unha Virxe do Carme. Fóra do presbiterio, á esquerda, podemos ver unha pequena estatua de Santa Eufemia que esperta gran devoción na parroquia e a quen se lle dedica a festa principal o 16 de setembro. Na vidreira da fiestra da fachada tamén aparece a imaxe da santa.


  O adro está delimitado por unha pequena muralla de cachotería. Nel destacan unha serie de lousas con números (gravados, non pintados) pero logo colocadas desordenadamente. Na zona sur (á nosa dereita se estamos fronte á fachada) hai numerosas e vellas tumbas. Por certo que no adro, ademais de naturais da parroquia, tamén están soterrados varios soldados fusilados a principios do século XIX durante a primeira guerra carlista. No borde da zona sur están os panteóns máis antigos construídos a partir dos anos 20. Ao norte da igrexa están ringleiras de panteóns máis modernos, uns dos anos 70 e outros dos anos 90.

  Ao leste da igrexa hai unha carballeira que serve de campo da festa. Nela hai un interesante cruceiro e unha botilla (unha casuca que servía para facer as autopsias aos mortos). No solar adxacente cara ao norte, apenas a 100 metros da igrexa, está a reitoral, hoxe completamente cuberta de hedra -non como na foto-, e 40 metros despois a "Fonte da Us" (moi popular na zona) que foi cuberta e remozada no ano 2010. A carón da N-550, onde é cruzada polo rego de Covelo Pequeno, podemos atopar a "Fonte de Santa Eufemia" e os restos dun vello muíño.
 Para coñecer outros templos do concello preme en Igrexas e capelas de Ordes.

No hay comentarios:

Publicar un comentario