Os anos 60 son o punto de ruptura co pasado. A economía, a demografía e
moitos dos costumes sociais da España actual naceron nese momento.
ECONOMÍA
Lembremos que a finais dos anos 50 os «tecnócratas» do Opus Dei
puxeron en marcha o Plan de Estabilización. O auxe da economía a partir dese
momento foi enorme e España gozou da 2ª maior taxa de crecemento
mundial despois de Xapón.
Os investimentos estranxeiros
multiplicáronse, atraídos polos custos laborais reducidos. Co aumento da
poboación que se produciu grazas á baixada da mortalidade, a man de obra
necesaria (incluída agora a muller) nas novas zonas industriais era provista
pola España rural que iniciaba o seu progresivo despoboamento e aumentaba o
desequilibrio territorial que ningún plan foi capaz de reverter. Esta
emigración tamén se dirixía agora a Europa e as divisas que proporcionaba ao
país competían coas dos millóns de turistas que enchían o noso litoral.
O
desenvolvemento económico e a influencia do turismo deu inicio á sociedade de
consumo. Desde 1963 aumentaron as prestacións sanitarias e os sistemas de
pensións. O déficit de vivenda reduciuse con campañas de construción. Chegou
aos fogares o gas butano e con el a calefacción e a auga quente. Coa aparición
do televisor xurdiu unha nova habitación na casa, o cuarto de estar, sobre o
que empezou a gravitar a vida familiar. Tamén se fixo máis alcanzable o
automóbil desde a saída do mítico 600. En
1969 dous terzos dos fogares en zona de cobertura tiñan televisor e un cuarto
tiñan coche.
Naceron así novos costumes como as saídas dos domingos (e a figura dos
condutores "domingueiros" parodiada na canción Adelante hombre del 600), as vacacións de verán da familia mentres o home
quedaba na cidade traballando (de Rodríguez) ou a figura da turista sueca como
aspiración erótica do español medio. Esta nova mentalidade de maior liberdade moral e
sexual chocaba frontalmente coa Igrexa católica que sufriu unha gran perda de
influencia. Estes conflitos están perfectamente retratados na película La ciudad no es para mí co inefable Paco
Martínez Soria. Pero a pesar da oposición dos sectores máis tradicionais as novas
modas no vestiario e os novos hábitos de relación social e sexual foron
imparables, sen chegar, iso si, aos estándares europeos.
POLÍTICA
Os tecnócratas, apoiados por Carrero Blanco,
consolidaron o seu poder entrando López
Bravo (Industria) e Lora
Tamayo (Educación) no goberno en 1962, e logo López
Rodó en 1965. O seu obxectivo era
mellorar a calidade de vida dos españois para garantir o seu apoio ao Réxime. Con isto na mente, en decembro de 1963 aprobouse a Ley de Bases de la Seguridad Social, que unificou os
diversos sistemas de previsión e protección pública e ampliou os mecanismos de
cobertura social con cargo ao Estado (pensións, asistencia médica...). Cara a 1970 a cobertura da
seguridade social protexía a case o 80 % da poboación.
Continuando coa institucionalización do
Réxime, en 1966 aprobouse a Ley
Orgánica del Estado, última das «leyes fundamentales» do franquismo, que para ser dotada de máis lexitimidade foi
sometida a referéndum, gañado con cifras altísimas,
claro.
Contra ese dominio dos tecnócratas, a
resposta dos falangistas foi resgardarse na Organización Sindical e promover
unha apertura. O líder dos «aperturistas» foi o ministro Solís secundado
por Fraga. Lograron aprobar a Ley de Prensa e Imprenta en
marzo de 1966 e a Ley de Libertad Religiosa en 1967, pero pouco máis. As eleccións
sindicais de 1966 non reforzaron as
súas posicións e serviron para que a oposición de esquerda a través do
movemento clandestino das «comisiones obreras» acadara moitos dos
postos elixidos. Cando Carrero Blanco e os tecnócratas lograron en 1969 que o príncipe Juan Carlos fose nomeado sucesor
(cousa á que se opoñía un sector da Falange),
acentuouse o enfrontamento e saíu á luz o escándalo Matesa no que establan implicados dous ministros tecnócratas. Finalmente
foron estes os que saíron reforzados e Franco aceptou as demandas de Carrero
dun goberno unido. Así naceu en outubro de 1969
o chamado polos seus adversarios "goberno monocolor", que rachaba co
tradicional equilibrio entre as distintas "familias".
Neste contexto a oposición ao franquismo
rexurdiu e multiplicou o seu número e capacidade de movilización, aínda que
nunca supuxo un problema real para a ditadura. Un exemplo foi a folga mineira de Asturias de 1962.
CULTURA
Na música
viviuse un dos grandes cambios dos anos 60. A copla e o bolero quedaron restrinxidas ao
público de maior idade. Os mozos
abrazaron con entusiasmo o pop e xurdiu o termo "ye-ye" para
designalos. Apareceu o fenómeno fans co Dúo Dinámico
e con Los Brincos, e xa máis
ao final da década con Los Bravos, Fórmula V e Los Diablos. Nunha liña máis tracidional e transversal triunfaban solistas como Raphael ou Julio Iglesias.
Naceron os tocadiscos portátiles e con eles os "guateques" onde a mocidade practicaba
os novos bailes soltos pero sen esquecer os "agarrados" para
facilitar a intimidade e o ligue.
Apoteose
musical da década e símbolo da modernidade e transformación do país foi cando
en 1968 unha Massiel con minifalda
gañaba o Festival de Eurovisión cantando "La, la, la".
O cine aumentou a súa produción pasando das 150
películas ao ano. Apareceron directores como Basilio Martín Patino, Mario
Camus, Carlos Saura, Manuel Summers... que fixeron o chamado "nuevo cine español",
películas de calidade con algo de crítica (non demasiada que sempre estaba vixiando
a censura), das que o exemplo máis representativo é La caza
en 1966. Non obstante as realmente
populares eran as películas de estrellas como Marisol e logo Rocío Dúrcal, de
cantantes como Manolo Escobar e Raphael, e comedias costumistas como Atraco a las tres, de enorme valor sociolóxico.
E nesta década comezou a influencia da televisión. En 1965 apareceu a
revista TP, o Teleprograma (custaba 5 pesetas), que sería durante moitos anos a máis
vendida do país e en 1966 creouse
o UHF "a 2ª cadena". Series americanas como El fugitivo e programas nacionais como La casa de los Martínez, Galas del sábado ou Un millón para el mejor congregaban a moitos espectadores fronte ao televisor.
A radio continuaba tendo unha gran audiencia. Seguían
triunfando os culebróns entre os que destacou "La intrusa" 1964-65 con 175 capítulos de duración.
Dentro da renovación da década apareceron programas como El gran musical ou o entón rompedor e logo denostado Los 40 principales.
Na literatura os 60 viron obras como "Un millón de muertos" (1961)
de José Mª Gironella, "Últimas
tardes con Teresa" (1966) de Juan Marsé ou "5 horas con Mario" (1967) de Miguel Delibes, pero os que
realmente chegaban ao público eran os escritores de novelas de a duro como Silver Kane,
Keith Luger, Lou Carrigan e
sobre todo M.L. Estefanía, e dentro da novela romántica Corín Tellado. No
teatro sucedía algo parecido e os autores "serios" como Buero Vallejo, que estreou "El
tragaluz" en 1967, non podían competir co prolífico Alfonso Paso que
en 1968 tiña... sete obras distintas en sete teatros de Madrid e con tres
funcións diarias!
O deporte rei, o fútbol, seguiu dando alegrías pero
a moito menor ritmo que nos 50. O Real Madrid acadou a 6ª copa de Europa en 1966. A xigantesca figura
de Manuel Santana
logrou que os españois empezaran a coñecer o tenis e máis ao final da década
outro xigante de pequena estatura, Ángel Nieto, logrou que todo o país vise as carreiras de motos.
No mundo dos touros apareceu un ídolo provocador
e divisivo que traspasou fronteiras e revitalizou a "festa nacional":
Manuel Benitez "el Cordobés". Os seus pasos
serían seguidos por outro fotoxénico mozo, Palomo Linares. Fronte
a eles (sempre as dúas Españas!), os máis clásicos opoñían a figura severa e tradicional de Santiago
Martín El Viti.
No hay comentarios:
Publicar un comentario