lunes, 5 de julio de 2021

Plantas de flores púrpura

   Sumamente abundantes na nosa comarca son as ericáceas, chamadas así porque o nome científico da maioría das especies empeza pola palabra Erica. En castelán son brezos e en galego reciben múltiple nomes: QUEIROA, queiroga, uz, urce... Son arbustos aínda que non o pareza polo seu pequeno tamaño.
  É difícil para un profano distinguir unhas especies doutras. O carrasco (Erica cinerea) e a carroucha (Erica umbellata) son moi comúns en calquera matogueira sobre chans non encharcados -e Erica cinerea, ás veces, tamén nestes-.
   Outra planta abundantísima é o milicroque ou estalote (Digitalis purpurea). Ten decenas de nomes populares (en Ordes quizais o máis habitual sexa bilitroque) e, sen dúbida, é a preferida dos rapaces, que gozan facendo ruído estoupando a súa corola. Antigamente tiña un uso medicinal contra a arritmia e outras doenzas do corazón, ata que se viu que era demasiado perigosa.
 
 
  Outra planta de flores púrpura é a ervellaca (Vicia sativa), que en castelán recibe os nomes de arveja ou veza. Se pensades que se parece bastante á planta das fabas, estades no certo porque tamén é unha fabácea, pero neste caso está considerada unha mala herba, aínda que nos anos 40 comíase e ata se empregaba como substitutivo do café!
  O Eupatorium cannabinum (cañamazo en castelán), da familia das asteráceas, é unha planta con propiedades medicinais.
 
 
  O cardo máis habitual na comarca é o cardo asneiro (Onopordum acanthium). Tamén é o emblema nacional de escocia, polo que en inglés é coñecido como scots thistle "cardo escocés". Da mesma familia das asteráceas é a planta chamada en castelán cártamo silvestre (Centaurea jacea). En inglés chámanlle brown knapweed "mala herba marrón" e está considerada como unha especie invasora. Menos habitual é a cardota (Galactites tomentosa Moench).
  Cambiando totalmente de lugar, en áreas moi húmidas (como as ribeiras do Cabrón preto de Fosado) podemos atopar unha especie de salicaria (Lythrum virgatum).
 
 
  Os paxariños ou arreitó (Linaria triornitophora) pertence as plantaxináceas e destaca polas súas preciosas flores que teñen un esporón curvado e aguzado. Poden ser de cor púrpura forte pero tamén é fácil que teñan unha cor rosada.
  O mesmo sucede tamén coa campaíña patula (Campanula patula), das campanuláceas -claro-, no que a cor das flores pode variar desde a rosada clara á púrpura forte.
  Tamén podemos engadir ao trevo rubio (trifolium pratense), unha leguminosa moi habitual nos nosos campos.
 

  Para rematar falaremos das viboreiras, plantas moi abundantes das que o seu nome científico empeza por Echium e que pertencen ás boraxináceas. Son habituais Echium vulgare, Echium plantagineum e Echium rosulatum, moi difíciles de distinguir (polo menos para min) e a cor das flores pode oscilar desde a azul clara á púrpura e morada forte.

No hay comentarios:

Publicar un comentario