Os datos
publicados polo IGE (Instituto
Galego de Estatística) de 2017 constaban que a fenda entre as dúas galicias
seguía a medrar polo menos nas pensións: a diferenza entre o que cobraba a xente das
áreas metropolitanas e concellos máis industrializados co que cobraba o resto de
Galicia incrementouse ata un 130 %.
As Pontes mantíñanse un ano máis como o
concello onde as pensións eran máis altas (1.333
euros de media). O último da lista era Avión
en Ourense onde os pensionistas residentes (non se ten en conta os que vivían
fóra) sobrevivían con 584 euros ao
mes.
Dos 313
concellos de Galicia só en 25
superaban os 1.000 € de media. Os
primeiros da lista eran os que tiñan unha forte industria asociada como As
Pontes, Fene (1.222) ou Cervo (1.175), e logo as áreas metropolitanas das cinco
cidades do eixo atlántico. Lugo e Ourense non chegaban en cambio aos 1000 €.
Na parte
baixa da táboa estaban os concellos máis rurais. Había 3 zonas pobres: a parte
leste da provincia da Coruña (Sta Comba, Tordoia, Vimianzo...), os concellos
das montañas do centro-sur de Galicia, e moi especialmente o centro e sur de
Ourense. Nesta provincia estaban 7 dos 10 concellos que pechaban a lista. Ademais
de Avión, eran Quintela de Leirado, Padrenda, Baltar, O Irixo, Sarreaus e
Ramirás.
A comarca de
Ordes cunhas pensións medias de 735
euros, estaba moi lonxe tanto do promedio de Galicia (que era de 898 €) como do
moito máis alto da provincia da Coruña (case 928 €).
Coma sempre,
dentro da propia comarca había diferenza entre os tres concellos centrais e os 4
periféricos e máis rurais, pero neste caso moito máis matizada. Oroso era o único concello que superaba os
800 € mentres Ordes, Cerceda e Mesía pasaban dos 700 €.
Frades e
Trazo superaban os 650 € e destacaba negativamente Tordoia que, cos seus 621,53 €, tiña o triste honor de ser o oitavo
máis baixo de Galicia e penúltimo da provincia da Coruña só superado
negativamente (e por un céntimo!) polos 621,52 € de Santa Comba.

No hay comentarios:
Publicar un comentario