sábado, 26 de abril de 2025

Ao final da escapada

  Que fermosos son os anos de xuventude, cando un cre que o ten todo ao seu alcance e non se preocupa por cousas tan mundanas como perigos ou consecuencias indesexadas. Son anos bonitos que non se esquencen, pero ás veces non son tan bonitos para as persoas que teñen que coidar desa xente nova.
 
 
A noticia máis rechamante de finais do ano 2009 en Ordes foi a desparición de Eva Calvo, unha adolescente de 16 anos de Gouzón (Leira).
  Eva estudaba nunha academia de perruquería de Santiago, motivo polo que xunto a uns preciosos ollos claros o que máis chamaba a atención dela era a cor do seu cabelo. O venres 20 de novembro foi coma sempre á academia e xa non volveu. Sobre as dúas da tarde chamou á súa nai dicíndolle que perdera o autobús e que chegaría máis tarde. Logo o silencio.
 
  Cando non apareceu, a familia chamou aos dous móbiles que tiña, pero non houbo contestación. O primeiro que pensaron foi  que era unha gamberrada, motivo polo que esperaron un tempo a ver se volvía, pero como iso non sucedeu denunciaron a desaparición no cuartel da Garda Civil o domingo 21. Pouco despois souberon que Germán, o mozo de Eva, outro adolescente de 15 anos residente en Ordes, tamén desaparecera dando as mesmas excusas.
  Iso daba un pouco de tranquilidade porque descartaba un accidente ou un rapto, pero as horas ían pasando sen novidades e a angustia medraba.
  Por fin foron localizados o mércores 25 bastante lonxe e resultou que a imitación de Eva María que marchou buscando o sol na praia, Eva tamén buscaba o sol de Andalucía. Efectivamente, a primeira hora da tarde funcionarios da policía de Sevilla observaron na Estación de autobuses hispalense á parella e chamoulles a atención a actitude "esquiva" da moza. Unha vez identificados, comprobaron que había unha denuncia de desaparición e procederon a retelos. Logo contactaron cos pais dos dous e esixiron que se desen presa en ir buscalos porque, ao non ter cometido ningún delito, o tempo de retención era limitado.
  Así rematou felizmente para as dúas familias esta odisea adolescente.
 
  Tempo despois preguntei e parece que a historia de amor de Germán e Eva non durou. E unha vez máis os soños de xuventude chocaron contra o duro muro da realidade.

No hay comentarios:

Publicar un comentario